A Xunta achega 9,1 millóns para contratacións de xente nova no noso ámbito investigador

luns, 2 de xaneiro do 2023 S. P.

Este luns 2 de xaneiro publicouse a convocatoria de 2023 da segunda edición do programa Investigo, co que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade busca a xeración de emprego xuvenil en Galicia no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Para iso, destinará 9,1 millóns de euros. A convocatoria consiste en apoios dirixidos á contratación de persoas menores de 30 anos desempregadas en organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro, así como en empresas que estean a investir en investigación e innovación.
Así o expuxo a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, nunha visita que desenvolveu en Culleredo á empresa de construción Citanias, que recibiu a través do seu departamento de I+D axudas da primeira edición do Investigo. En concreto, contrataron a quince mozas e mozos grazas a un apoio autonómico de preto de 415.000 euros.
As axudas da segunda edición da iniciativa, que poden solicitarse desde este martes 3, van destinadas a estes centros para a contratación por conta allea de mozas e mozos e oscilarán entre os 22.405,92 e 33.108,84 euros por persoa, financiándose, en concreto, os custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social.
A previsión é que a través desta liña de axudas pódanse contratar a un mínimo de 277 mozas e mozos e un máximo de 409, en función dos módulos salariais a aplicar.
Os programa Investigo forma parte dun plan máis amplo, o Emprega Xuventude, que a Xunta reeditará en 2023 con actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas e dotado con preto de 30 millóns de euros para beneficiar a uns 2.000 mozas e mozos.

PUBLICIDADE