A Xunta acada melloras por 7 millóns de euros no contrato do servizo de telecomunicacións

luns, 18 de setembro do 2017 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de informar da prolongación do contrato dos servizos de telecomunicacións fornecidos pola operadora galega R (Grupo Euskaltel) e por Vodafone. Segundo informa a axencia que dirixe Mar Pereira, a devandita prórroga de contrato abrangue dous anos, a partir de marzo de 2018. A longo deste tempo, as compañías adxudicatarias investirán ata 7 millóns de euros en diversas optimizacións nos servizos de Internet, telefonía fixa e móbil de centros públicos dependentes da Administración autonómica.
Segundo informa AMTEGA, entre as melloras comprometidas por R (operador adxudicatario dos servizos de telefonía fixa e de Internet) figura a instalación de conexión de fibra óptica en 20 escolas infantís. Ademais, engade a axencia, migrará máis de 40 centros conectados “a unha tecnoloxía máis moderna, que permite acadar velocidades moi superiores ás actuais”.
Por outra, ao abeiro destas previsións fortalecerase a conexión de fibra do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) co Centro de Proceso de Datos (CPD) de respaldo, o que mellorará, en palabras da axencia, “a redundancia para garantir a continuidade dos servizos ante posíbeis incidencias no CPD”. Ademais, realizarase a migración do CPD do CIXTEC CPDI da Cidade da Cultura “sen custe adicional para Administración”. Asemade, minimizarase nun 15% o custe de altas de liñas e actualizarase o software das centraliñas de telefonía fixa da rede corporativa.
Polo que se refire á telefonía móbil, entre os compromisos da adxudicataria do servizo, a operadora Vodafone, atópase a mellora da conexión a Internet en até 240 sedes de diferentes servizos públicos, grazas á instalación de liñas de datos 4G. Outra das optimizacións previstas é que a Administración autonómica disporá dun bono anual de 200.000 SMS masivas de balde unha vez consumidos as 420.000 mensaxes de texto anuais.
AMTEGA tamén lembra que o vixente contrato de telecomunicacións da Xunta entrou en vigor en 2015. Dende aquela, explica a axencia, foi quen de acadar un aforro de 12 millóns de euros respecto do contrato anterior e “un investimento adicional por parte dos operadores de 12 millóns de euros”. Entre as melloras contempladas está multiplicar por tres a media do largo de banda de máis de máis de 2.300 centros de servizos públicos e a ampliación a 10 GB da capacidade do acceso a Internet da rede corporativa.

PUBLICIDADE