A Xunta ábrese a propostas para a aplicación de vehículos non tripulados a servizos públicos

martes, 24 de outubro do 2023 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación da apertura da Consulta Preliminar ao Mercado para seguir avanzando na incorporación nos servizos públicos de tecnoloxías baseadas en vehículos non tripulados coa que a Xunta pretende dar resposta a novos retos identificados por diferentes áreas e departamentos das Consellerías.
Esta nova chamada ao mercado lánzase despois das que se realizaron en 2014 e 2020 e que serviron de base para definir os retos do Polo Aeroespacial de Galicia. É, polo tanto, o terceiro conxunto de solucións que activa o Goberno galego para contribuír a mellorar os servizos públicos mediante vehículos non tripulados.
Ao redor de cen representantes de empresas e centros de coñecemento asistiron á xornada. O obxectivo da consulta é coñecer os avances, novidades e capacidades do mercado.
A convocatoria está aberta a persoas físicas ou xurídicas, públicas e/ou privadas, de maneira individual ou en unión temporal. Admitirase a presentación de propostas aos diferentes retos tecnolóxicos por parte dun mesmo propoñente, pero só unha por reto. O prazo de presentación de ideas innovadoras está aberto ata o 6 de novembro.
A Xunta de Galicia elaborará un informe de conclusións no que se detallarán os resultados obtidos, que será público. Ademais, as propostas servirán de base para presentar novos proxectos e captar novos fondos na convocatoria da Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación, cofinanciada polo Programa Plurirrexional de España 2021-2027 dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder).
As ideas de solucións innovadoras que se presenten no marco da Consulta Preliminar ao Mercado poderán empregarse para a súa inclusión nas especificacións funcionais ou técnicas de futuras licitacións de Compra Pública de Innovación.

PUBLICIDADE