A Xunta abre a terceira convocatoria de axudas para levar banda larga vía satélite á Galicia máis illada

martes, 25 de marzo do 2014 Redacción

Nin unha nin dúas, senón tres. Este é o número de convocatorias de axudas achegadas xa polo Goberno autonómico, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), para rematar coa escuridade dixital na que viven un bo número de familias galegas, que sobre todo por motivos de illamento e orografía, non tiveron oportunidade de contar coas infraestruturas máis axeitadas para estar na Rede. A única solución posíbel: Internet vía satélite. Este martes, sen ir máis lonxe, o Diario Oficial de Galicia publicou a terceira das devanditas convocatorias de axudas. O obxectivo, unha vez máis, é facilitar a contratación de Internet de banda larga vía satélite en fogares e PEME das áreas de da nosa terra de peor cobertura.
O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 familias e empresas que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. Lembrar que esta iniciativa, unha prolongación das convocatorias do ano 2012 e 2013 das que se beneficiaron máis de 1.400 usuarios, é unha actuación do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia para facilitar o acceso a Internet a todos os galegos. As axudas tramitaranse a través de cinco empresas acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta de Galicia: Duo Telecom, Eurona, Intermax, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-2014), informa AMTEGA.
O prazo de presentación de solicitudes a través das entidades colaboradoras comeza este mércores 26 de marzo e remata o 30 de agosto de 2014. Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. Segundo engade a axencia, “o programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses”.
Lembrar que as entidades colaboradoras ofrecen servizos de Internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios. A axencia destaca que “este sector está composto principalmente por pequenas e medianas empresas de xeito que esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar a súa actividade”.
Con estas axudas a Administración autonómica busca “avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade”.

PUBLICIDADE