A Xira Nintendo Switch fai unha parada de tres días en Vilagarcía

martes, 22 de agosto do 2023 S. P.

A Xira Nintendo Switch fixo este verán un nova parada en Vilagarcía, dende este luns 21 até o mércores 23 de agosto. A caravana ten despregadas as súas carpas na praza da II República, onde pon a disposición dos seareiros gamer da comarca arousá e de toda Galicia todo tipo de actividades centradas nos videoxogos e nas súas vertentes máis creativas. Entre outras cousas achégaselles a posibilidade de probar totalmente gratis máis de 20 xogos desta consola. O horario de apertura é de 17 a 23 horas durante as tres xornadas.
Segundo confirmaron fontes da organización, o gran protagonista da xira deste ano é Mario, un personaxe con varias xeracións de afeccionados de todas as idades que leva décadas animando a xogar e a bater retos nos distintos xogos que Nintendo foi sacando, ampliando e mellorando ao longo do tempo.
Os asistentes disporán de máis de 65 postos de xogo e atopar a súa aventura preferida entre unha ampla carta na que atopan Mario Kart 8 Deluxe, Pikmin 4, Everybody 1-2-Switch!, Nintendo Switch Sports ou The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom. Estes e outros moitos xogos son os que poderán probar todas as persoas que se acheguen estes días á caravana vermella de Nintendo.

PUBLICIDADE