A XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico pode ser visitada virtualmente

venres, 15 de decembro do 2023 S. P.

A XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico estreou unha vertente tecnolóxica (Bienal Virtual) que permite percorrer a exposición formada por 25 obras de artistas de Galicia e do Norte de Portugal. Nesta galería virtual, accesíbel vía web, cada cadro contén un globo de información cos datos da obra e o autor ou autora, non só para coñecer máis en detalle a súa obra, senón tamén para facilitar o contacto do artista.
As dúas ducias de pezas que forman a exposición contan cunha ampla variedade de estéticas e técnicas, de artistas de Galicia e do Norte de Portugal. A selección, de entre as 104 obras que se inscribiron ao concurso, foi realizada polo xurado formado, nesta edición, por Helena Mendes Pereira, que o presidiu, e tamén Sara Pérez Bello, designada pola Xunta de Galicia, João Ribeiro da Silva, designado pola Direção Rexional de Cultura do Norte, Patrícia Oliveira, designada polo Instituto Português do Desporto e da Juventude e Tito Senna, gañador da XIII Bienal.
A exposición da XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico inaugurouse o 23 de novembro na Lanuxe Cárcere de Lugo, onde se poderá visitar ata o 30 de decembro.
A partir do mes de xaneiro de 2024, a exposición percorrerá as cidades de Braga, Bragança, Maia, Ribeira, Felgueiras, Vila Real, Vila Nova de Gaia, Barcelos, finalizando no mes de outubro en Monforte de Lemos.
Esta actividade está co-financiada polo proxecto Fénix, no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

PUBLICIDADE