A XI edición de Ciencia en Acción terá lugar en outubro

xoves, 20 de maio do 2010 Raquel Noya

Unha boa maneira de achegar ao gran público á ciencia e á tecnoloxía é facelo dunha maneira dinámica e entretida e iso é precisamente o principal obxectivo de Ciencia en Acción, un concurso que presenta estas dúas modalidades dun xeito atractivo e motivador para que a mocidade galega e o gran público en xeral se interesen por elas.<br A finalidade desta peculiar competición é que as persoas que se acheguen ata as súas instalacións disfruten e aprendan nos relatorios, observen e participen na feira, e os máis animados colaboren na gran experiencia. Ciencia en Acción está dirixido a estudantes, profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica en calquera das súas disciplinas, e este ano vai ter lugar nas instalacións do IES Rosalía de Castro de Santiago, posto que a súa directiva decidiu convidar aos responsables do Concurso a que celebrasen alí a undécima edición do evento.
Este acontecemento, que se levará a cabo por primeira vez nun centro de ensinanza, significará unha gran festa do ensino a nivel internacional e, ademais, será un marco excepcional para mostrar a todos os países de fala hispana e portuguesa os bos proxectos científico-tecnolóxicos que se fan en Galicia. Asemade, nesta edición de Ciencia en Acción, escolleranse aos representantes de España na final europea, que se celebrará na primavera do 2011 en Copenhague.
Os organizadores do concurso lembran que para participar no mesmo, as persoas interesadas poden facelo de varias maneiras: como concursante, como titor ou titora do alumnado concursante, como visitante, para ver os proxectos científico-tecnolóxicos que concorran ao concurso e como organizador, levando a cabo excursións de alumnos e profesores dende os propios centros de ensino galegos.
Asemade, as persoas que teñan a posibilidade de facelo, poderán promover Rutas Xacobeas que rematen en Santiago o día 1 ou 2 de outubro, para, ademais de visitar a Catedral e outros monumentos de Compostela, facer un pequeno periplo polas instalacións do Rosalía de Castro, onde se atopen os proxectos do concurso Ciencia en Acción.
O prazo para inscribirse como concursante ou titor/a remata o vindeiro martes, 25 de maio.

PUBLICIDADE