A Vicerreitoría de Pontevedra pon en marcha un curso aberto á cidadanía sobre creación de webs

luns, 5 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Vicerreitoría do Campus de Pontevera está a organizar unha actividade formativa para pór aos estudantes ao tanto, polo miúdo, das metodoloxías máis útiles, doadas e rendíbeis para construír cadanseu anaco de Internet. Trátase dun curso sobre creación de páxinas que comeza este luns na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás e que se dirixe, como dixemos, a fortalecer unha parte cada vez máis importante da bagaxe formativa do alumnado: a súa parte virtual. Con todo, cómpre dicir que no obradoiro poderá participar quen queira, non só a comunidade universitaria. Ademais, é de balde. O prazo de inscrición abre este luns na plataforma virtual Bubela.
Segundo reflicte o profesor Alberto García Ariza, coordinador da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, búscase achegar unha formación técnica para mellorar o nivel de alfabetización dixital dos asistentes, “ofrecendo contidos prácticos e útiles sobre temas de actualidade”. A través desta acción formativa, o alumnado aprenderá en pouco tempo a crear o seu propio sitio na rede tirando proveito de editores de código aberto, “accesibles para todo o mundo e de sinxela comprensión”, engade.
Serán doce horas de docencia impartidas de 19.00 horas a 21.00 horas do 12, 13, 15, 19, 20 e 22 de novembro pola profesional Lidia Nokonoko, especializada en deseño audiovisual para afondar no proceso básico de creación dunha web; localizar as aplicacións idóneas das páxinas de descarga gratuíta; familiarizarse cos elementos que conformen o deseño pensado e coas linguaxes HTML 5 e CSS3 para finalmente maquetar e dar formato á páxina web.

PUBLICIDADE