A VeriNet Party quence motores para dar comezo mañá venres

xoves, 2 de agosto do 2007 Raquel Noya

Mañá venres, 3 de agosto, dará comezo no pavillón de deportes de Verín (Ourense) a segunda edición da festa informática máis recoñecida (e agardada) da comarca, a VeriNet Party. Este encontro de luxo para internautas e afeccionados ós videoxogos prolongarase ó longo de 72 horas sen interrupción e servirá para impulsar o emprego das novas tecnoloxías entre @s moz@s da comarca e arredores.
Un ano máis, nesta cita informática non faltarán os concursos de modding, os sorteos, os campionatos de videoxogos, as proxeccións multimedia, a música, os monólogos nin, por suposto, os premios.
A Oficina de Información Xuvenil do Concello de Verín, encargada de levar a cabo este evento, pretende presentar unha alternativa de ocio para tódolos públicos do lugar ó tempo que os instrúe en materia de novas tecnoloxías e comunicación; para iso, ademais de espectáculos alternativos, a VeriNet contará con charlas, obradoiros, mesas redondas e conferencias sobre temas de interese e de actualidade, impartidas, todas elas, por destacadas personalidades do sector. Este ano, o eixo temático dos relatorios vai ser a robótica e as súas aplicacións, con demostracións prácticas do tema e seguimento das mesmas a través dunha pantalla xigante.
Os participantes achegaranse ó lugar da cita cos seus propios equipos e unha vez alí, aproveitarán a conexión de banda ampla a Internet para tirar proveito desta experiencia. O escenario que brinda o concello de Verín é idóneo para unirse a distintas plataformas e probar ferramentas como Demoscene, Linux, Mac, Deseño, Música, Seguridade, Programación... e para intercambiar contidos, trucos, contos, anécdotas e todo o que dea tempo antes do vindeiro domingo.
Os organizadores aseguran que unha festa destas características, ademais de entreter, “é un trampolín único para inquedos que buscan unha oportunidade de traballo no mundo da informática e das novas tecnoloxías”, polo que me vexo na obriga de desexarlles “boas conexións” e “moita cafeína”.

PUBLICIDADE