A VI edición de Galiciencia, que comeza mañá, reservará un espazo para os que gustan das novas tecnoloxías

martes, 22 de novembro do 2011 Raquel Noya

Público asistente á Galiciencia do 2010, extraída da Galería do IES Moncho Valcarce

Mañá mércores, 23 de novembro, ábrense en Ourense as portas da meirande feira científica de Galicia, a Galiciencia, que este ano prevé recibir a visita de máis de 2.000 persoas.
O evento, que organiza a Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia no marco da Semana da Ciencia 2011, estenderase ao longo de tres días, nos que pasarán polo recinto máis de cincuenta equipos de estudantes procedentes de Galicia, Cataluña e o País Vasco, para amosar os seus proxectos científicos e de innovación.
A mostra contará coa participación de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que se sumarán os equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras posta en marcha polo Parque Tecnolóxico de Galicia.
Esta será a sexta edición dun evento que ten como obxectivo achegarlle o apaixonante mundo da ciencia a tódolos públicos, e que cada ano inclúe unha ampla oferta de actividades paralelas á devandita exposición de proxectos que non escatiman en diversión e entretemento.
Un exemplo disto é a peculiar ginkana que os organizadores propoñen para este ano, que está deseñada ao gusto dos amantes das novas tecnoloxías.
Nela, as pistas que están distribuídas polas instalacións están cifradas en códigos BIDI, polo que os participantes só poderán descifralas botando man das cámaras dos seus teléfonos de última xeración e dunha aplicación deseñada para tal fin.
Por outra banda, con motivo da celebración do Ano Internacional da Química, a Galiciencia inclúe a participación dos estudantes nun Experimento Mundial, así como en distintos talleres e obradoiros de maxia que tralos seus trucos agochan fascinantes fenómenos químicos.
O 2011 é asemade o Ano Internacional dos Bosques, polo que entre as actividades a celebrar nesta particular Feira, inclúese o estudo das principais características das fragas galegas e as causas e os efectos dos incendios forestais.
O terceiro dos talleres será unha achega ás augas termais a través dunha perspectiva científica.
Porén, alén dos obradoiros conmemorativos que terán lugar este ano, na carpa da Galiciencia instalarase un peculiar planetario no que se farán observacións e se proxectará unha película inmersiva en formato fulldome (é dicir, que cobre a totalidade do planetario) que explicará como se adestran os astronautas e os riscos que entraña viaxar ao espazo.
A esta sesión hai que engadirlle outras sesións de cinema tradicional nas que se poderán ver fragmentos de películas que forman parte do imaxinario colectivo, como Star Wars ou Mars Attack, das que se analizarán a súa base científica levando a cabo experiencias para comprobar se se axusta á realidade o que propón o cinema e descubrindo as técnicas que lle permiten á industria cinematográfica crear universos imposibles.
Todo isto será recollido por unha redacción propia de xornalistas da Feira, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros, que cubrirán o evento e elaborarán entre todos a revista oficial, que será entregada a todos os asistentes na entrega de premios o último día.

PUBLICIDADE