A VI Xornada de Informática Xudicial consolídase como fonte de recursos contra as moitas facianas da cibercriminalidade

mércores, 28 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

É preciso sentar os alicerces de máis traballo en mancomún para afrontar o gran reto actual da Sociedade da Información: o reto de acadar unha Sociedade da Información segura. Esta é unha das grandes conclusións das que parte a sexta Xornada de Informática Xudicial, que se celebra ao longo deste mércores baixo o epígrafe Privacidade, e-Xustiza e Seguridade en infraestruturas críticas e buscando novamente achegar o espazo de debate (o espazo máis acaido posíbel para o intercambio de información e recursos) para profesionais da informática, por unha banda, e xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas, pola outra. Foi inaugurada a primeira hora (na sede de AFundación en Santiago) polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e máis polo presidente do CPETIG, Marcos Mata.
Todos e cada un, xunto cos relatores que viñeron despois, coincidiron na necesidade de xuntar forzas para afrontar o problema crecente da cibercriminalidade: prevendo ataques, sabendo como manexalos cando se dan e incrementando a eficacia e a eficiencia nas investigacións posteriores e na busca de responsabilidades. A xornada, unha vez máis, veu da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia.
Segundo fixo saber Marcos Mata na sesión inaugural, as cifras sobre as devanditas actividades relacionadas coas ameazas tecnolóxicas son como para telas en conta. Así, lembrou, en 2015 coñecéronse en Galicia 4.065 casos enmarcados na categoría de cibercriminalidade, 2.069 na da Coruña e 1.032 na de Pontevedra, estando estas dúas provincias entre as máis afectadas do conxunto de España, cuxa cifra total é de 60.154 casos. Mata falou, neste senso, de ataques a pequena escala e de ataques máis ambiciosos (como por exemplo o perpetrado dende programadores rusos cara as institucións de Estonia, en 2007, logo de que as autoridades deste país decidiran cambiar de emprazamento un monumento de conmemoración soviética, afectando o ataque a unha manchea de entidades, como por exemplo o Parlamento, varios ministerios, bancos, partidos políticos e medios de comunicación) e falou tamén das oportunidades que se abren coa Xornada de Informática Xudicial para atoparmos respostas de seguridade que nos protexan do que xa, dende hai tempo, pode ser considerado unha gran industria altamente desenvolvida (a industria da cibercriminalidade, do malware, dos fraudes informáticos, dos roubos de información, da espionaxe industrial, das ameazas, das coaccións e dun longo etcétera).
Polo que respecta ao vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, coincidiu precisamente na importancia de artellar “unha coordinación axeitada entre a acción policial, xudicial e de todas as administracións públicas, para facer fronte aos novos fenómenos criminais da ciberdelincuencia”. Rueda e Pereita tamén salientaron “o bo funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia”, que grazas ao Plan Achega, “permite xa que preto de 1.400 procedementos administrativos do sector público poidan presentarse de xeito electrónico, o que representa o 95% dos procedementos que a Administración autonómica ten a disposición da cidadanía e das empresas”. Igualmente lembraron que vén de publicarse a orde pola que se crea e regula a sede xudicial electrónica de Galicia, “que xunto con outras ferramentas permitirá a realización de actuacións, procedementos e servizos dos profesionais e da cidadanía ante a Administración de Xustiza”.
Amais dos participantes na inauguración, pola actividade do CPETIG están a pasar xa, achegando claves para acadarmos entre todos unha contorna dixital máis segura e fiábel, algúns dos meirandes expertos estatais na materia. Por exemplo David Barroso (fundador de CounterCraft, startup española que está a revolucionar o panorama da ciberseguridade, aplicando técnicas de contraespionaxe), Samuel Parra (avogado TIC e autor dun dos blogs máis referenciais no ámbito da protección de datos), Francisco García Morán (conselleiro xefe TIC da Comisión Europea, que explicará as políticas comunitarias a prol dunha maior ciberseguridade), Iñaki Vicuña (director do Centro de Documentación Xudicial, que exporá a achega das TIC á Administración de Xustiza) e Eloy Velasco (maxistrado da Audiencia Nacional, que falará sobre os medios de proba dixitais).
Como dixemos, esta VI edición da Xornada de Informática Xudicial desenvólvese baixo o epígrafe Privacidade, e-Xustiza e Seguridade en infraestruturas críticas e encamíñase a achegar un espazo de información e debate para xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral. A súa finalidade é contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica e mellorar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial, mediante o uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.

PUBLICIDADE