A UVigo e Teltek participan na creación dun ecosistema europeo de docencia virtual
xoves, 2 de febreiro do 2017
- Domingo Docampo e Vicente Goyanes nas instalacións de UVigo-TV
A
Universidade
de Vigo informou esta semana do desenvolvemento dun proxecto europeo
no que participa e que tería a finalidade de pór en marcha o que
sería, nas súas palabras, “o primeiro depósito europeo de
materiais educativos audiovisuais”. O proxecto Up
to University, Up2U (Bridging the gap between schools and
universitys trough informal education) comezou a súa andaina en
2015 e está financiado no marco do programa H2020 da Unión Europea
con cinco millóns de euros. Os seus socios son 18 entidades dunha
ducia de países, sendo a UVigo a única representante de España
xunto coa firma local Teltek. Ao
longo dos vindeiros tres anos o consorcio participante traballará na
creación “dun ecosistema de docencia virtual audiovisual”. Será
un recurso de apoio no ensino que todos coñecemos, o tradicional.
Agárdase que teña unha incidencia moi positiva facilitando aos
alumnos o chimpo de secundaria ás universidades.
Detrás
deste proxecto, impulsándoo e impulsando tamén a concorrencia
viguesa, atópase o ex-reitor Domingo Docampo, comisionado para o
Campus Dixital do Mar, quen informa a posta en marcha do devandito
“ecosistema de docencia virtual” iría encamiñado aos escolares
de idades comprendidas entre os 11 e os 19 anos. Polo que respecta á
empresa viguesa Teltek, está especializada en achegar solucións e
tecnoloxías abertas de vídeo, videoconferencias, streaming e
formación a distancia. A súa colaboración coa Universidade
materializouse coa prestación do Campus Multimedia da institución
docente galega.
Volvendo
ao proxecto Up2U, apóiase na base
xerada polo portal eduOER (Open Educational Resource of
GEANT), un acubillo con diferentes pezas audiovisuais catalogadas
a disposición dos usuarios e usuarias. O impulso de Up2U dará como
resultado a conversión do devandito portal “nunha contorna de
aprendizaxe”, onde consultar vídeos, pero tamén contidos máis
elaborados como coleccións temáticas ou unidades didácticas
completas, pensadas especificamente para o alumnado de secundaria.
“Fixemos un portal adaptado para que aos docentes, e tamén aos
propios rapaces, lles sexan doados de localizar e visualizar, tanto
dende os ordenadores como dende tabletas e móbiles, o material que
precise entre máis de 40.000 obxectos educativos en diferentes
idiomas, agora daremos un paso máis na estruturación de todo ese
material”, explica Vicente Goyanes, responsable de Teltek.
A
idea, sinalan Docampo e Goyanos, é “conseguir suavizar o chimpo
dos estudantes do instituto á universidade, pois tanto en España
como no resto de países de Europa hai cada vez máis problemas para
que os alumnos e alumnas que acceden á universidade se poñan ao
nivel necesario para poder aproveitar ao máximo o plan docente dun
grao”. E engaden: “Pretendemos que ese salto, que xa se constatou
que existe, sexa máis doado coa creación dun ecosistema de docencia
virtual audiovisual no que traballen xuntos profesores da
universidade e de educación secundaria na creación de contidos moi
visuais, empregando plataformas de docencia en liña”, explica
Goyanes.
Socios
centrados nos datos e no software aberto
Dos
18 socios que participan no consorcio, cinco son redes nacionais, que
representan ao conxunto dos seus respectivos países (Italia,
Portugal, Grecia, Israel, Hungría...); oito son universidades, entre
elas a Open University, institución de referencia a nivel mundial no
uso das novas tecnoloxías na educación e docencia virtual; está o
CERN, Organización Europea para a Investigación Nuclear; e dúas
empresas, unha firma alemá de sofware libre, OwnCloud, e Teltek.