A Universidade de Vigo traballa xa no primeiro observatorio español do eido virtual

martes, 19 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Sinatura da acta fundacional do observatorio

A Universidade de Vigo vén de informar da súa participación nunha iniciativa de estudo e análise do novo mundo comunicativo que se está a crear, en ocasións entremesturado, ao acubillo da sociedade dixital. Estamos a falar do mundo virtual, creación directa da nosa concorrencia nas tecnoloxías da información e, arestora grazas a filmes de éxito como Avatar, en clara progresión como fonte de riqueza creativa e empresarial. Explor 3D, así se chama esta iniciativa, constitúese como o primeiro observatorio español que dedica o seu traballo á investigación, a promoción e a coordinación da industria e máis a cultura ligadas ao emprego de tecnoloxías en tres dimensións (3D).
O observatorio, que como dixemos conta coa presenza activa da Universidade de Vigo (a través da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense), está impulsado polo Govern de Balears e apoiado por institucións como a Universidade Complutense de Madrid e empresas senlleiras do sector tecnolóxico-audiovisual como Virtual Mind, a principal impulsora deste proxecto.
A sinatura da acta fundacional da iniciativa tivo lugar este luns en Eivissa e nela fixo acto de presenza o director da devandita Escola galega, Enrique Barreiro. O obxectivo fundamental do observatorio, concretamente, é promover a extensión das aplicacións 3D nun completo abano de eidos. Trátase, ademais, dunha entidade sen arela de lucro que concorre co nome de Observatorio de Metaversos. O seu emprazamento na dita illa responde a ampla traxectoria dos profesionais vinculados ao eido virtual que desenvolven o seu labor nela. Asemade, a proposta contará cunha sede virtual, feita en 3D e co gran obxectivo de convocar e anunciar encontros e dar detalles sobre todo tipo de eventos.
A participación da Universidade de Vigo no proxecto, cóntase dende a páxina web da institución educativa galega, ten o seu xermolo na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense e así o fai saber o seu director, Enrique Barreiro: “O apoio da universidade impulsámolo dende o grupo de gráficos do Departamento de Informática e dende a Escola, que ten unha sede virtual en Second Life e unha materia de Mundos Virtuais”. Ao seu xuízo, “as tecnoloxías 3D teñen un potencial de aplicabilidade en moitos contornos que van dende o lecer e a formación ata o mundo empresarial; ao que hai que engadir que en poucos anos imos ter unha web máis tridimensional e que procurará a interacción entre as persoas, de aí que sexa fundamental investigar as vías de aplicación destas novas tecnoloxías e facer un labor de seguimento das iniciativas en 3D que se poñan en marcha”.

PUBLICIDADE