A Universidade de Vigo solta o seu segundo globo estratosférico

xoves, 27 de xuño do 2013 Redacción

Tras o éxito do XaTcobeo, dende Vigo non queren abandonar a súa curiosa carreira espacial, e como símbolo desta aposta fixeron hoxe o lanzamento dun globo estratosférico chamado BALLOON-XAT 002 dende as instalacións de Zona Franca e froito do traballo do Grupo de Enxeñaría Mecánica e Automoción (CIMA) da Universidade de Vigo. Estamos ante o segundo de cinco globos que buscan probar distintos sistemas, que desta volta centrábase no “comportamento dunhas baterías especiais de litio-ion, aínda que a valixa levará tamén sensores térmicos, de presión, de aceleración de gravidade, acelerómetros, xiróstropos...” segundo explicou o director do Grupo, José Antonio Vilán.
Nesta ocasión non só analizarán a carga útil da caixa que traslada o globo, senón tamén o seu recubrimento, unha manta térmica MLI semellante á dos satélites tradicionais “que serve de protección de cara ao sol e fai que a temperatura sexa máis estable” segundo Gabriel García, un dos integrantes do equipo responsable do globo que chegará a unha altura de 28.000 metros.
Este lanzamento enmárcase na inauguración do congreso A transferencia de tecnoloxía do espazo, unha oportunidade para as empresas, unha xuntanza de representantes das administracións, investigadores e empresarios para prender a mecha da Spain Business Aerospace Incubator (SBAI), un viveiro de empresas orientado á transferencia de tecnoloxía do espazo que pretende botar a andar antes de 2015 nun dos parques industriais promovidos por Zona Franca. Este encontro desenvolverase durante 2 días e contou coa presenza do astronauta Ulrich Walter na súa conferencia inaugural.

A conferencia inaugural do congreso correu a cargo do astronauta Ulrich Walter

PUBLICIDADE