A Universidade de Vigo renova a imaxe da súa web

martes, 2 de marzo do 2010 Raquel Noya

A Universidade de Vigo, no marco do seu programa de renovación e actualización das tecnoloxías da información e a comunicación, vén de renovar a imaxe da súa páxina web, que se presenta agora cunha nova identidade corporativa moito máis moderna e funcional.
A nova ferramenta en liña da entidade académica, que engade novos contidos de interese para os seus usuarios, agrupa a información en diferentes seccións, facilitando o labor dos internautas que a visiten, os cales dispoñen dun listado de ata once menús que lles dan acceso a contidos de distinta temática, dende Estudos e titulacións, ata Investigación e transferencia, pasando por Organización institucional.
Asemade, a web mantén a antiga ligazón ao Diario Dixital da Universidade de Vigo, o DUVI, que inclúe as novas máis relevantes que se producen en tódolos seus campus, así como ás Novidades e Axudas que concede a institución.
Os responsables da ferramenta decidiron modificar a disposición dos bloques de contidos e da información a fin de mellorar o manexo e a accesibilidade dos seus usuarios, así como para achegar unha imaxe máis completa e actualizada da Universidade.
A web, asemade, inclúe agora novas ferramentas que a completan e simplifican, tales como os apartados Coñécenos ou Vida Universitaria, destinados a un público potencial ou recentemente incorporado á institución que procuran información sobre a mesma.
Por outra banda, os seus responsables incluíron mapas interactivos que facilitan unha localización máis precisa dos campus, así como dos servizos que neles existen como comedores, bibliotecas ou cafetarías.
Como non podía ser doutra maneira, a web tamén inclúe vídeos para descargar, e ligazóns a outras páxinas web de interese para os visitantes.
Asemade, coa finalidade de facilitar unha busca máis rápida de servizos e áreas como Bibliotecas, Secretaría virtual ou Teledocencia, os usuarios dispoñen de menús directos baixo o epígrafe Outras webs no que se inclúe tamén unha entrada que dará acceso á información relevante das vindeiras eleccións a reitor e ao Claustro que se celebrarán no mes de maio.
A nova web, que dispón de versións operativas en galego e castelán (ás que en breve se lle engadirá o inglés), resalta a importancia da interactividade coas persoas que a consultan e inclúe a sección Caixas de correo, nas que os internautas poden deixar mensaxes dirixidas a calquera ámbito da institución académica.

PUBLICIDADE