A Universidade de Vigo e Retegal porán en marcha un picosatélite

xoves, 5 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Touriño falou do picosatélite galego tralo Consello da Xunta

Aínda que a idea dun satélite galego de telecomunicacións sexa demasiado ambiciosa, o que si terá Galicia é a oportunidade de pór en órbita un picosatélite impulsado pola Universidade de Vigo e o operador público galego Retegal, co apoio do Instituto Español de Tecnoloxía Aeronáutica, grazas a que a Axencia Espacial Europea seleccionou un proxecto galego para o voo inaugural da lanzadeira comunitaria VEGA (que porá en órbita un total de 6 picosatélites).
Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta, destacou que esta oportunidade abre «un campo de investigación de alto interese» e explicou que o dispositivo con tecnoloxía galega se trata dun satélite «de reducido peso e tamaño» (aproximadamente 1 quilogramo de peso e 10 x 10 x 10 centímetros). Tamén deu a coñecer o nome deste picosatélite, DIESTE.

Imaxe dun picosatélite CubeSat

O picosatélite galego «ten unha finalidade de uso científico e de uso educativo, e polo tanto non comercial nunha primeira liña de investigación» que abre un campo de investigación estratéxico «no campo das comunicacións dixitais, no campo das melloras dos sistemas fotovoltaicos e no campo da metodoloxía para a xestión dos satélites de telecomunicacións».
O lanzamento do picosatélite CubeSat será dende a base da Axencia Espacial Europa na Guaiana Francesa no vindeiro inverno.

PUBLICIDADE