A Universidade de Vigo cualifica de moi positivo o labor dos emprendedores de INCUVI

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Redacción

A Universidade de Vigo rematou ao ano facendo un repaso do ano en materia de innovación, tanto no que se refire ao seo da investigación universitaria propiamente dita como no que atinxe á súa aplicación empresarial. Este repaso, que se saldou cunha alta cualificación, materializouse nunha visita oficial da delegada do Consorcio Zona Franca, Teresa Pedrosa, e do presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, dous dos socios estratéxicos da institución educativa viguesa. O reconto centrouse, máis polo miúdo, no primeiro ano de vida da preincubadora de proxectos empresariais da Universidade (INCUVI), iniciativa que entre outras cousas canaliza o coñecemento xerado no eido educativo cara á súa aplicación no mercado. Pedrosa e López-Chaves, acompañados polo reitor, Salustiano Mato, e o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, contactaron de primeira man co día a día dos emprendedores do acubillo empresarial, centrados en cuestións como o control domótico, a seguridade viaria ou a aplicación das novas tecnoloxías na mellora da comunicación entre pais e educadores (entre outros ámbitos de actividade).
Lembrar que á primeira edición dos premios INCUVI-Emprende presentáranse unha vintena de proxectos empresariais concibidos por alumnos e alumnas da Universidade de Vigo e seis foron os elixidos, os gañadores dun galardón que lles abría as portas do devandito acubillo impulsado pola Universidade, a Cidade Universitaria e a Fundación Universidade de Vigo co apoio de institucións como Zona Franca e Autoridade Portuaria e o impulso de diferentes empresas e entidades privadas. Segundo fixo saber na visita oficial o reitor vigués, Salustiano Mato, o INCUVI baséase en emprendemento en estado puro, con rapaces que están a estudar e rematar as súas carreiras e, dende aí, preparan o seu modelo de empresa. Logo de visitar un por un e cada un dos locais, Teresa Pedrosa, Ignacio López-Chaves e Salustiano Mato, coincidiron en facer un balance que cualificaron como “moi positivo”. Entre os proxectos máis avanzados salientaron Berce, unha iniciativa impulsada por Rubén Míguez e Víctor Manuel Alonso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, dirixida a facilitar a comunicación entre familias e educadores de centros de infantil de 0 a 6 anos e que, entre outros galardóns, foi merecedor do Premio Nacional de Emprendemento. Por certo que de Berce falamos recentemente en Código Cero, con motivo dos seus primeiros froitos materiais e palpábeis (que, estamos seguros, uniranse a outros moitos que están por vir).

PUBLICIDADE