A Universidade de Vigo amplía as posibilidades das TIC mediante o uso de e-portfolios

martes, 12 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Ao longo dos vindeiros meses de febreiro e marzo, a Aula Tecnolóxica da Casa das Campás de Pontevedra, vai dar acollida ao curso de Deseño técnico e didáctico dun e-portfolio, dirixido á formación do profesorado no eido da creación e uso destas ferramentas tecnolóxicas. Esta actividade formativa, programada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da Universidade de Vigo, busca que tanto o alumnado como o profesorado empreguen as TIC de xeito efectivo no seu traballo diario e, en concreto, capacita aos docentes para integrar o uso dun e-portfolio no proceso de ensino e aprendizaxe. A Universidade de Vigo oferta para este curso un total de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición ata o vindeiro 31 de xaneiro.
O e-porfolio é unha ferramenta formativa e de avaliación que ten como novidade máis característica, segundo os organizadores do curso, “o establecemento dun proceso de reflexión sobre a aprendizaxe conseguida”. A través desta actividade formativa o profesorado adquirirá as competencias técnicas e metodolóxicas precisas para a creación e uso de e-portfolios, o que lle permitirá complementar e completar as aulas co apoio de materiais virtuais. Para isto, ao longo do curso analizaranse de forma práctica as diferentes ferramentas que están a disposición dos docentes nunha plataforma de aprendizaxe virtual e que son de interese para a construción dun e-portfolio.
Asemade, trataranse os elementos básicos que o compoñen e analizarase como establecer actividades, métodos de avaliación e procesos de reflexión sobre o ensino e a aprendizaxe nunha contorna virtual. Estas aplicacións concretas englóbanse nun obxectivo común, que é, segundo informan dende a organización, o de “favorecer o desenvolvemento dos novos roles docentes e investigadores dentro do EEES mediante Contornas Virtuais de Aprendizaxe e fomentar a sensibilidade cara aos valores propios da docencia favorecendo as actitudes cara á innovación”.
Impartirá o curso o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicaicón, José Vicente Novegil Souto, quen, para o desenvolvemento dos contidos, empregará unha ferramenta virtual dispoñible no portal FaiTIC, que fomenta a interacción entre o alumnado e os profesores, e que serve principalmente para intercambiar recursos educativos e opinións.

Matrícula en liña e obtención do certificado
O prazo de inscrición manterase aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro e pode formalizarse en liña a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. Para solicitar máis información pódese escribir ao enderezo de correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es ou chamar ao teléfono 986813596. A asistencia a esta actividade formativa será certificada pola Universidade de Vigo a todas aquelas persoas inscritas que asistan, polo menos, a dez sesións completas das doce que ten o curso, e cubran uns contidos mínimos do 80% das actividades marcadas polo responsable do actividade.

PUBLICIDADE