A Universidade de Sevilla achegará portátiles de balde aos novos alumnos

xoves, 4 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O eido universitario semella (coas lóxicas diferenzas entre unhas institucións e outras) un dos máis activos no que se refire a meter o emprego das novas tecnoloxías no día a día da comunidade educativa e alí até onde sexa posible. Nesta liña, e tratándose de pór un pouquiño por diante das demais, é onde se vén de situar a Universidade de Sevilla, onde parece que poucas escusas van a quedar entre os novos estudantes para non ter un computador portátil. De feito, a iniciativa da que falamos consiste precisamente en pór ao alcance da man dos alumnos de novo ingreso un equipo destas características e co engadido a ter en conta de ser de balde, aínda que mediando unha fianza. Neste senso en concreto e segundo conta Pulimento en Barrapunto, cómpre facer unha serie de puntualizacións sobre a dita iniciativa, aplicable a todas as titulacións.
O equipo en cuestión terá unha garantía de 4 anos e, tras ese prazo de tempo, poderá pasar definitivamente a mans do alumno que así o desexo e a custo cero. Asemade, tamén será posible devolvelo dentro do dito prazo de garantía ou no transcurso do ano posterior ao seu remate. En caso de que o estudante opte por esta última vía, recibirá a devolución da fianza de 100 euros. Sinalar que até o de agora a Universidade de Sevilla enxergaba a achega de computadores máis coma un agasallo ou recoñecemento (ían dar ás mans dos alumnos con mellores cualificacións no Bacharelato e na selectividade) que como un complemento xeralizado aos estudos e a posterior procura de traballo.
Malia as aparentes vantaxes da iniciativa e segundo indica a comunidade de Barrapunto, a proposta da Universidade de Sevilla pode ter unha serie de inconvenientes, sobre todo porque hai un bo número de novos estudantes que xa veñen co seu equipo e que probablemente preferirían outro tipo de aliciente.

PUBLICIDADE