A Universidade da Coruña colaborará con INTECO na loita contra as ameazas informáticas

luns, 27 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña (UDC) contribuirá á estratexia de seguridade informática que achega o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), concretamente como integrante da súa rede de sensores de virus e demais ameazas que circulan pola Rede. Así o fai saber estes días a UDC, quen asinou coa dita entidade do Ministerio de Industria un acordo no que tamén se establece o compromiso da institución educativa galega de subministrar a diario información completa sobre as deteccións de virus levadas a cabo nas súas redes, “co obxectivo de ampliar e enriquecer os informes de INTECO”.
Máis polo miúdo, prosegue a UDC, a achega xirará primordialmente arredor do Centro de Alerta Temperá sobre Virus e Seguridade Informática (xestionado por INTECO), que traballa no camiño de converterse un principal foco de información sobre infeccións en liña (cales son, cómo denuncialas, cómo evitalas, etc). “A UDC involúcrase así na colaboración para o fortalecemento da seguridade informática, uníndose ás mais de cen entidades que forman parte da rede de sensores de INTECO, entre os que se encontran administracións públicas, institucións educativas e entidades privadas”, engade.

PUBLICIDADE