A UVigo xunta forzas con estudantes e docentes para transformar o ensino

venres, 31 de maio do 2019 Redacción

O Campus de Vigo acolleu este mércores unha xuntanza de traballo arredor do proxecto ADLES (Active Digital Learning Environments in Schools), unha proposta internacional que impulsa a Universidade de Vigo de maneira conxunta con outras institucións de Italia, Grecia, Reino Unido, Dinamarca, Portugal e Turquía para o desenvolvemento da metodoloxía ABP (Aprendizaxe Baseado en Problemas). Na reunión, na que participaron unhas 60 persoas (incluídos estudantes e docentes do IES Parga Pondal de Carballo e o IES Politécnico de Vigo), avaliouse o traballo feito dende que arrancou o proxecto en setembro de 2017.
Na apertura da xuntanza, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, salientou a importancia de apostar por innovación pedagóxica e docente dende o eido da tecnoloxía e a enxeñaría, polo que felicitou aos impulsores de ADLES, “polo seu compromiso coa educación e polo traballo colaborativo”.
O obxectivo do proxecto, segundo lembrou o profesor da EE de Telecomunicación e coordinador da iniciativa, Martín Llamas, “é crear contornas que faciliten a aprendizaxe activa a través da ABP”, amais de mellorar a calidade da educación e fornecer de contornas de ensino máis motivadoras e efectivas. Para isto creouse unha plataforma web que inclúe un conxunto de ferramentas dixitais, como xogos ou simulacións, que permitirán aos estudantes experimentar, colaborar e comunicarse nunha comunidade de aprendizaxe estendida e multinacional, ao tempo que desenvolven activamente as competencias persoais e sociais.
Precisamente, a participación nesta xornada do alumnado dos dous institutos responde á necesidade de testar o funcionamento desta plataforma en liña, actividade que desenvolveron da man dos tamén docentes da EE de Telecomunicación, Fernando A. Mikic e Manuel Caeiro. A vicerreitora remarcou a importancia das súas achegas avaliando a plataforma web, “xerando un feedback que axudará a mellorar estas ferramentas”.
Unha iniciativa motivadora
O proxecto busca integrar métodos de aprendizaxe novos e innovadores asegurando estudantes mellor preparados, activos, autónomos, independentes, innovadores e que asuman riscos; fomentar a mellor práctica e o intercambio de coñecementos entre socios; desenvolver novas e innovadoras formas de utilizar as TIC en educación e, en particular, atopar novas formas de motivar aos estudantes, darlles competencias en creatividade e innovación, reforzar a resolución de problemas, desenvolver o traballo en equipo e as habilidades de colaboración e, en xeral, mellorar a eficiencia da educación escolar.

PUBLICIDADE