A UVigo xunta forzas coa Asociación de Robótica e Automatización

venres, 7 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo e Asociación Española de Robótica e Automatización veñen de xuntar forzas para impulsar a Industria 4.0. A alianza formalizouse este martes co acordo de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Asociación Española de Robótica e Automatización, rubricado polo reitor, Manuel Reigosa, e o vicepresidente da entidade, Salvador Giró.
Un día máis tarde, ao abeiro desta cooperación, celebrouse na Escola de Enxeñaría Industrial unha xornada técnica sobre os recursos innovadores que impulsan a automatización e a intelixencia nos ámbitos empresariais, e na que participaron empresas como ABB, Kuka, Omron, Universal Robots ou Schunk.
Segundo nos fixo saber o profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática Ignacio Armesto, este acordo xurde da colaboración de AER coas Xornadas de Automatización Industrial (as JAI), que el mesmo coordina: “O que buscamos dende a UVigo con este convenio é mellorar a formación do noso alumnado e profesorado a través de conferencias, cursos, xornadas, material didáctico, etc. no eido da robótica e a automatización industrial”. Neste punto, prosegue, “estreitar a colaboración con AER é clave, xa que a asociación une a todos os actores do sector para fomentar a dixitalización das nosas empresas, ao máis alto nivel, co obxectivo de converter España nun dos países punteiros no contexto industrial”.
No acto de apertura das xornadas, mas que participaron máis de 120 persoas, estiveron presentes a vicerreitora de Transferencia, Consuelo Pérez, o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo e a concelleira de I+D e docente nesta escola, Ana Mejías. A vicerreitora agradeceu ao profesor José Ignacio Armesto “o seu esforzo e entusiasmo” por facer posíbel este convenio, que segundo Juan Pardo “reforza un compromiso que ten a EEI dende que apostou polas titulacións que configuran a súa oferta académica”.
Ana Mejías, pola súa banda, lembrou o premio nacional Ciudad de la Ciencia y la Innovación co que foi distinguido Vigo hai uns meses e explicou que é “froito dun ecosistema real formado polo tecido industrial, a Universidade e os centros tecnolóxicos”.
Salvador Giró, pola súa parte, fixo un retrato do futuro que nos agarda: “En 2025 as máquinas intelixentes asumirán o 52% das tarefas industriais, comportando a perda de 75 millóns de empregos no mundo, pero xerando no seu lugar, 133 millóns de novos empregos que precisarán de persoal formado e especializado nestas novas tecnoloxías”. Neste contexto, dixo, “é crucial que a Universidade forme ás novas xeracións para estes traballos de futuro”, un dos obxectivos deste convenio asinado coa AER.

PUBLICIDADE