A UVigo súmase a Actívate de Google e achega formación en mercadotecnia dixital para centos de persoas

xoves, 12 de xuño do 2014 Redacción

A Universidade de Vigo vén de adherirse a unha iniciativa iniciativa impulsada por Google cuxo obxectivo é dar aos e ás participantes a posibilidade de formarse a través de cursos en liña e tamén ofertar formación presencial que se impartirá nos campus universitarios de dezanove cidades españolas. A iniciativa en cuestión, chamada Actívate, comezará a materializarse no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, que acollerá un curso intensivo e de balde sobre mercadotecnia dixital, dirixido sobre todo a persoas desempregadas, que sexan tituladas universitarias ou estean a piques de acadar o título.
O obxectivo, explica Nacho Armesto, responsábel da Área de Emprego da Universidade de Vigo, é dar aos participantes “un empurrón destinado á busca activa de emprego ou á organización do seu propio negocio”. Armesto sinala tamén que esta actividade en concreto lévase a cabo co fin de “proporcionar formación de calidade para que saiban manexarse no mundo dixital”.
Este curso intensivo, no que ata o de agora están inscritas máis de 200 persoas (pódese chegar a 300), desenvolverase ao longo de corenta horas nas que os participantes, supervisados por expertos na materia, procedentes de Google e IAB España, formaranse en aspectos básicos relacionados coa promoción e as diferentes metodoloxías da publicidade nos novos soportes e plataformas. Para isto, o programa abordará diferentes temas como fundamentos de tecnoloxía e mundo dixital, estratexias de posicionamento orgánico e de mercadotecnia en buscadores de Internet (SEO e SEM), claves para o comercio electrónico, promoción en redes sociais e dispositivos móbiles, analítica web e emprendemento.
O curso impartirase entre os días 16 e 20 do mes de xuño, en horario de oito e media da mañá a seis e media da tarde. Dende a organización agardan acadar as 300 persoas inscritas.

PUBLICIDADE