A UVigo somete a exame a eParticipación en Madrid e Barcelona

luns, 12 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Os investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 (Universidade de Vigo) Xosé Mahou e Enrique Varela, veñen de desenvolver un importante estudo sobre participación cidadá e mecanismos tecnolóxicos para facer realidade esta participación a nivel local. A investigación, que é unha continuidade doutro traballo de seu publicado en 2016 (no que avaliaban os recursos dixitais de mobilización veciñal implantados nos portais municipais das 20 capitais de provincia integradas na Red Española de Cidades Intelixentes, a RECI), centrouse desta volta nas capitais con maior e menor poboación dentro da RECI, que son Madrid e Barcelona e Guadalajara e Huesca.
Segundo fan saber Mahou e Varela, aos que se sumou Mónica López Viso, as dúas meirandes cidades de España foron quen de mellorar as súas canles de participación logo das últimas eleccións municipais.
A investigación, recollida nun capítulo do libro E-Participation in Smart Cities: Technologies and Models of Governance for Citizen Engagement, publicado pola editorial Springer, permitiulles constatar un “incremento da eParticipación nos últimos tres anos” tanto en Barcelona como, especialmente, en Madrid.
Por certo que estas dúas cidades xa obtiveran, xunto con Zaragoza, as puntuacións máis elevadas no test heurístico ao que os investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación as someteran no estudo anterior. Neste novo estudo constátanse “incrementos significativos” no referido ás ligazóns e melloras na localización dos recursos e na accesibilidade. Os investigadores tamén rexistraron “unha evolución positiva” nos indicadores Smart City, como a xeración de “espazos de debate, de queixas e suxestións, así como de transparencia”. Asemade, salientaron o “singular desenvolvemento dos servizos de eAdministración de Madrid”, que aumentan de 30 a 42 puntos na avaliación realizada con respecto ao estudo anterior, situando á capital por riba de Barcelona, que obtiña xa unha das puntuacións máis elevadas neste aspecto no estudo anterior.
A tecnoloxía fai intelixentes ás cidades?
O estudo tamén se centrou noutro obxectivo complementario: son os portais municipais simples dispositivos electrónicos ou espazos capaces de “xerar un ambiente virtual que favoreza a relación entre os cidadáns e os xestores públicos”? Nese senso, os investigadores poñen de relevo a importancia dos “elementos tan sinxelos” como a existencia dunha ligazón para acceder aos datos e a súa posición na web, pero tamén ás posibilidades doutra serie de ferramentas, como o deseño de “espazos interactivos de comunicación bidireccional”, espazos de debate ou mapas colaborativos.
A investigación pon o foco na cuestión de “se se pode chamar smart un modelo de estratexia de cidade baseado nas tecnoloxías” ou se é preciso considerar outros elementos e procesos. Segundo recoñecen, o desenvolvemento deste tipo de instrumentos “non significan necesariamente que se obteña unha maior ou mellor participación”. De aí que a investigación conclúa que todos plans para desenvolver novos servizos e ferramentas deben vir acompañados dun ambiente de mobilización veciñal “onde exista a confianza para establecer vías de cooperación e reciprocidade na busca de cidadáns e cidades máis intelixentes”.

PUBLICIDADE