A UVigo quere fortalecer o seu proxecto anti-lumes con vehículos autónomos de terra

martes, 18 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Malia estar xa rematado, hai novidades importantes ao abeiro do proxecto europeo Fire-RS (WildFire Satellite and UAV Remote Sensing System), iniciativa liderada pola Universidade de Vigo para loitar contra os lumes forestais tirando proveito das máis avanzadas tecnoloxías aeroespaciais, robóticas, industriais e dixitais. Segundo puidemos saber hoxe, o proxecto podería experimentar unha importante prolongación de recursos (de tecnoloxías, de ámbitos, de operatividade) coa incorporación de vehículos de superficie autónomos.
O proxecto Fire-RS, iniciado hai tres anos cun orzamento de partida de 2,1 millóns de euros, foi obxecto dunha xuntanza esta semana na que participaron as e os integrantes do grupo CIMA e das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e do Espazo da UVigo. Na reunión avaliouse o resultado da derradeira demostración celebrada en Porto e dunha xornada desenvolvida en Toulouse. Nestas citas previas constatouse “o éxito de Fire-RS” en materia de integración de múltiples tecnoloxías para facilitar a loita contra incendios, permitindo realizar unha predición máis exacta da evolución dos lumes, baseada en datos reais recollidos in situ de xeito automatizado.
Cumpridos os obxectivos fixados, as entidades promotoras queren “continuidade”, para o que se pediu ao programa europeo SUDOE a súa extensión, incorporando vehículos de superficie autónomos como un novo elemento de Fire-RS. Segundo explica Fernando Aguado, investigador principal do proxecto, estes aparellos de terra poderían servir de soporte ás brigadas de loita contra os incendios, por exemplo, transportando ferramentas a través das liñas de lume.
Os devanditos vehículos de superficie sumaríanse á tecnoloxía xa previamente implementada: un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite Cubesat (LUME-1); unha flota de vehículos non tripulados (UAVs) con cámaras no infravermello próximo e un software de modelado e predición de incendios.
Balance moi positivo de tres anos de traballo
Transcorridos 36 meses de traballo, o balance é, segundo Aguado, moi positivo. “Puidemos comprobar, a través de dous demostracións en Vigo e Porto, a integración das diferentes tecnoloxías que axudan á loita contra o lume: sensores en terra, dotados de sensores térmicos que detectan as primeiras lapas dun lume de tan só 2X2 metros cadrados a unha distancia de dous quilómetros; o lanzamento do cuarto satélite da Universidade de Vigo, LUME-1, cun funcionamento perfecto, e que permitiu validar a comunicación entre os sensores e o centro de control; o desenvolvemento dun software de avaliación de risco e evolución do lume, así como a xeración de plans de voo automatizados para unha flota de avións non tripulados, así como a integración dunha flota de UAV dotados de sensores térmicos”, detalla o docente e investigador da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE