A UVigo, pioneira en dispor dun asistente virtual con compresión de linguaxe natural en galego

venres, 31 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo vén de presentar o que sería o primeiro asistente virtual con compresión e procesamento de linguaxe natural en galego, unha ferramenta dirixida á comunidade educativa que permitiría, entre outras cousas, personalizar as nosas conversas e dar un extra de compresión, proximidade e amigabilidade aos sitios web da UVigo. E todo, sinala a institución académica, “con aprendizaxe cero”. A aplicación, un servizo de apoio de gran utilidade para quen queira perfeccionar o uso do galego, está baseada en tecnoloxías de Intelixencia Artificial e foi desenvolvida pola empresa Asistentes Virtuais.
Tralo impulso á ferramenta, permitindo a súa materialización final, atópase a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo que dirixe Mónica Valderrama, xunto coa de Planificación e Sustentabilidade. Segundo fai saber, os usuarios virtuais do asistentes son os alumnos, aínda que tamén vai dirixido ao persoal docente e investigador e ao de administración e servizos. “Ademais de potenciar a actitude pioneira da UVigo creando a primeira aplicación de atención a usuarios baseada en Intelixencia Artificial e comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego, é un recurso para coñecer as inquedanzas dos colectivos usuarios e para a detección de eivas no contido nos sitios web”, detalla José Luis Míguez Tabares, vicerreitor de Planificación.
Valderrama e Míguez engaden que aínda que na fase inicial o obxectivo é cubrir as preguntas asociadas aos procesos de matricula e datos de contacto do directorio da Universidade (así como preguntas típicas máis frecuentes da institución e preguntas xerais, “a posibilidade de proporcionar información aos usuarios por parte do asistente virtual, case non ten límites”.
En canto á elección da mascota da Universidade como imaxe do asistente virtual considerouse a máis axeitada “porque permite adoptar unha postura inclusiva en cuestións de sexo, xa que Oli non ten un sexo definido e permite unha consideración igualitaria non dependente do seu sexo, ademais de que Oli representa a enerxía da UVigo e é un ser positivo e amigábel”, explica a vicerreitora.
Máis novidades en breve
As preguntas dirixidas ao asistente virtual, ademais de por escrito, xa poden ditarse a través de dispositivos que teñan a posibilidade deste tipo de input, por exemplo os teclados de dispositivos móbiles baseados en Android ou iOS. Porén, en datas vindeiras, incorporarase un micrófono nos navegadores Chrome, de xeito que con ese navegador tamén será posíbel preguntar usando a voz, con independencia do dispositivo.

PUBLICIDADE