A UVigo organiza un obradoiro de balde para formar ás mulleres en programación

venres, 28 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A Vicerreitoría de Estudantes do Campus de Vigo vai organizar un obradoiro de programación para mulleres o vindeiro 13 de xullo, no Edificio Miralles. O curso, que é de balde, organízase en colaboración con Django Girls asociación sen ánimo de lucro que ten por obxecto loitar contra a desigualdade nas TIC e a fenda de xénero. O taller, aberto tamén a menores de idade e con comida incluída, transcorrerá ao longo de toda a xornada e nel as participantes terán a oportunidade de “adquirir as destrezas e competencias básicas en programación web para deseñar un blog e “publicalo na Rede.
Impartido por profesionais do sector, o único requisito para participar é levar un ordenador portátil, amais de ter (recomendábel) instalado instalado Django, unha escolma de ferramentas de código aberto e gratuítas que axudan a deseñar sitios web de xeito sinxelo e rápido.
A inscrición en Django Girls é gratuíta e o prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 5 de xullo. Segundo informan as organizadoras, aínda que este curso busca fomentar e promover a participación da muller na programación, trátase dun espazo inclusivo, polo que poderá anotarse calquera persoa, pero a preferencia de matrícula será para as mulleres. No caso dos menores de 17 anos, os pais/titores legais deben enviar un correo electrónico (vigo@djangogirls.org) autorizando a súa inscrición e, se as nenas teñen menos de dez anos terán que asistir acompañadas dun dos seus pais ou titor/a legal.

PUBLICIDADE