A UVigo lanza novas axudas para acubillar en CITEXVI máis empresas tecnolóxicas

luns, 12 de maio do 2014 Redacción

A Universidade de Vigo, ao abeiro da súa estratexia para a creación de empresas de base tecnolóxica (EBT), vén de abrir unha nova convocatoria de axudas para a instalación en CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo) de máis iniciativas destas características. Dende a Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento ofrécese aos novos emprendedores a posibilidade de sufragarlles o 50% dos gastos de instalación en CITEXVI durante dous anos. A convocatoria de 2014 ten aberto o prazo de presentación de solicitudes e a ela pódense presentar todas aquelas firmas EBT creadas ao abeiro da Universidade de Vigo que desenvolvan liñas de actuación relacionadas con proxectos de I+D+i vinculados coa mesma.
Os espazos dispoñíbeis en CITEXVI acadan unha superficie total de 153,26 metros cadrados, sendo o espazo mínimo a ocupar de 36 metros cadrados e están dotados de sistema de climatización por solo radiante e fancoils, tecido de fíos estruturado e caixas de chan para tomas, instalacións de comunicacións de voz e datos, con bandexa de elementos de conexión, pasafíos, acceso a Internet de banda larga, uso de direccións IP e conectividade Wi-fi e sistema de alimentación ininterrompido. Segundo engade a UVigo, a dispoñibilidade destes espazos supón o acceso a un paquete básico de servizos no que se inclúe, entre outros, un servizo de telefonía IP, acceso a Internet de ata 6 Mbps, chamada gratuítas a fixos de outras entidades dentro de CITEXVI ou chamadas de videoconferencia a través de direccións IP de forma gratuíta.
Lembrar que dende 2005 puxéronse en marcha ao abeiro desta estratexia da UVigo media ducia 22 de EBT. Estas novas iniciativas empresariais representan unha cifra de empregos directos que supera os 80.

PUBLICIDADE