A UVigo informa que segue adiante, intensificándoa, a campaña solidaria con África de recollida de móbiles

mércores, 12 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Alí onde hai mineiras ou materias primas de interese para as grandes empresas, para que o gran mercado se asegure a si mesmo o crecemento, alí haberá problemas. Semella unha norma que sempre se cumpre, e se a materia prima está en África, entón está claro que haberá un ingrediente extra de explotación, violencia e agresión medioambiental, sempre co apoio de Occidente. O caso do coltan, ese mineral que se usa para os móbiles, é paradigmático e semella non ter solución, mesmo ten provocado graves problemas de escravitude infantil. Outro dos males que xera a guerra arredor da extracción deste mineral (xunto coa casiterita) é a deforestación da selva ecuatorial africana. Dende hai anos, temos ao alcance da man xeitos de contribuír a erradicar estes problemas. Un xeito posíbel é contribuír á reciclaxe. Dende a UVigo lembran estes días como facelo.
A institución académica galega tamén nos recorda as “nefastas consecuencias” que a extracción dos ditos minerais está a provocar en países como a República Democrática do Congo. Por exemplo: guerras, escravitude, vagas de refuxiados e risco de deforestación e contaminación. E todo isto, en zonas lindeiras ou directamente inseridas nas áreas de protección dos chimpancés e os gorilas, especies arestora en perigo de extinción. Áreas como o Parque Nacional de Kahuzi.
Lembrar que para permitir á comunidade estudantil dos campus da Universidade botar unha man na solución destes conflitos, a Oficina de Medio Ambiente (OMA) colabora dende hai cinco anos cunha iniciativa de reciclaxe de móbiles do Instituto Jane Goodall España, a iniciativa Mobilízate pola selva. Os obxectivos, informa a Oficina, son darlle unha segunda vida aos materiais dos terminais e reducir a demanda de compoñentes coma o coltan ou a casiterita; reciclar elementos útiles e dispor axeitadamente os materias tóxicos para evitar a contaminación do medio. Ademais, preténdese xuntar diñeiro para impulsar iniciativas educativas e divulgativas de conservación e apoio aos habitantes da Conca do Congo, e o labor do Centro de rescate de chimpancés de Tchimpounga. A Oficina informou este martes que segue adiante con este labor, e froito disto é unha nova campaña de recolección e reciclaxe.
Lembrar que durante este curso hai dous colectores fixos, un na residencia universitaria O Castro do campus de Vigo e outro na conserxería da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e outros dous itinerantes situados na conserxería da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e na conserxería da EE Industrial de Vigo. Neste depósitos, “todos os compoñentes da comunidade universitaria poden depositar os seus móbiles en desuso, en funcionamento ou non, e coa batería posta”, informa a Oficina de Medio Ambiente.

PUBLICIDADE