A UVigo impulsa a súa plataforma de busca de pisos

luns, 18 de xullo do 2016 Redacción

Os responsábeis da web da Universidade de Vigo que establece contacto entre propietarios de vivendas con demandantes (estudantes) na busca de residencia para os seus estudos veñen de facer reconto da actividade actual deste taboleiro en liña de anuncios dixitais. Segundo fan saber, a bolsa de pisos, unha iniciativa posta en marcha no curso 2013-2014 para o alumnado dos tres campus da UVigo, oferta arestora 150 pisos completos e 360 habitacións en pisos compartidos. A isto cómpre engadir outras 20 vivendas destinadas ao aloxamento en familias ou ao acollemento de estudantes en réxime de mobilidade internacional.
A bolsa foi habilitada pola SIOPE, a Sección de Información, Orientación, Promoción do Estudante Voluntariado e Discapacidade. Segundo fan saber, o servizo está a servir de moita axuda a un bo número de mozas e mozas procedentes de fóra das cidades nas que se ten presenza a Universidade de Vigo. O funcionamento da plataforma, sinalan, é sobre todo de panel informativo. Cada ano, o SIOPE recibe entre 200 e 300 solicitudes de alta nesta plataforma por parte de estudantes e, unha vez que teñen acceso a ela, o trato é directo entre os propietarios e os demandantes. Este, explican, é o motivo polo cal a Universidade no pode contabilizar cantos deses contactos rematan en contrato de alugueiro.
Por certo que a institución viguesa tamén lembra que boa parte desta actividade internauta relativa á busca de vivenda tamén se desenvolve a través do servizo Stukers, unha startup posta en marcha por un grupo de titulados de Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo que na actualidade xa opera en Galicia, Madrid, Barcelona, Valencia, etc. A súa idea foi unha das gañadoras dos Premios INCUVI Emprende 2014 e ofrece unha ampla oferta de pisos, coa particularidade de que axudan aos seus usuarios non só a buscar o mellor aloxamento adaptado ás súas necesidades, senón tamén os mellores compañeiros para convivir.

PUBLICIDADE