A UVigo estrea unha bolsa de aloxamento a xeito de web para estudantes

xoves, 24 de outubro do 2013 Redacción

Quen sexa (ou fose) estudante pode facerse unha idea do complexo e duro que pode ser atopar un piso para o curso. A Universidade de Vigo toma nota disto e tenta botarlle unha man aos estudantes que van á procura de aloxamento e faino mediante unha web aberta a toda a comunidade universitaria, tanto alumnado coma PDI e PAS. Cómpre dicir que a páxina en cuestión achega todos os datos precisos á hora de atopar alugueiros tanto de pisos coma de cuartos nos tres campus.
Segundo apunta a Universidade de Vigo, a idea xorde da bolsa de aluguer que a Oficina de Relacións Internacionais ofrecía ao estudantado estranxeiro, unha iniciativa que agora, da man do SIOPE (Sección de Información ao Estudante da Universidade de Vigo) se estende a toda a comunidade universitaria. Subliñar que esta bolsa de aloxamento botou a andar este verán e trata de poñer en contacto a estudantes (tanto estranxeiros como propios), a persoal de administración e servizos e a persoal docente e investigador cos propietarios a través dunha web que funciona a xeito de taboleiro de anuncios.
O éxito desta proposta xa se deixou ver pois nestes primeiros meses recibiron peticións de 410 membros da comunidade universitaria, deles 125 son estudantes nacionais (pero doutras comunidades autónomas), 255 de alumnos e alumnas estranxeiros e arredor de 30 de PDI e PAS. Agora queda por diante un labor de divulgación para dar a coñecer este servizo, que é totalmente de balde, entre toda a comunidade universitaria. O mecanismo desta web é o seguinte: a Universidade actúa como taboleiro informativo, xa que é cada interesado o que se debe poñer en contacto cos donos dos pisos para solicitar información. A limitación para os propietarios é que estes sexan particulares, xa que desta ferramenta non se poden beneficiar axencias inmobiliarias nin empresas de ningún tipo.
Engadir, por último, que os propietarios interesados en achegar un aloxamento deben cumprimentar un cuestionario dando a coñecer todos os detalles do inmoble que ofertan. Dende o SIOPE encargaranse de validar a oferta e comprobar se cumpre uns requisitos mínimos; unha vez pasado este trámite esta pasa a incluírse na listaxe da páxina. Para os interesados en alugar, o procedemento require que se inscriban, logo recibirán un código de acceso, certificando así que se trata de membros da comunidade universitaria e evitando que empresas ou persoas alleas empreguen esta bolsa de alugueiro.

PUBLICIDADE