A UVigo envía este mes ao espazo o seu terceiro satélite, o do programa brasileiro SERPENS

luns, 27 de xullo do 2015 Redacción

Os investigadores da Universidade de Vigo, como anunciamos en Código Cero no mes de novembro do ano pasado, están mergullados de cheo nun novo proxecto espacial. Trátase do programa SERPENS (Sistema Espacial para Realizaçao de Pesquisas e Experimentos com Nanossatélites), financiado pola Axencia Espacial Brasileira, AEB, e que conta coa participación directa do Agrupación Aeroespacial da UVigo, encargada da fabricación dun novo satélite. SERPENS, como lembraremos, ten a súa orixe en 2013 e diríxese a facilitar o acceso á tecnoloxía aeroespacial das universidades do país irmán. O devandito satélite, informa agora a Universidade, está xa pronto para ser enviado ao espazo, máis polo miúdo o 16 de agosto. Será a terceira achega destas características (logo do Xatcobeo e Humsat) que leve a cabo a institución académica galega.
O aparello, máis en detalle, lanzarase en dirección á Estación Espacial Internacional. Diego Nodar, Alberto González e Antón Vázquez son, baixo a dirección de Fernando Aguado, tres dos investigadores da Universidade de Vigo que participan nunha experiencia, que estes enxeñeiros, que se desprazaron a Brasil para a integración e test de todo o satélite na última fase do proxecto, cualifican de “moi positiva” e da que valoran especialmente “a colaboración co equipo de Brasil”.
Creado pola Agencia Espacial Brasileira, o proxecto SERPENS inclúe un satélite, catro estacións en terra e unha vintena de sensores que enviarán datos ambientais e usando bandas de frecuencia de radio, comunicaranse co satélite desde varios puntos espallados polo país.
O primeiro satélite do proxecto é un cubesat de 3U, dividido en dous sectores. Mentres o sector A ten como obxectivo probar en órbita unha plataforma de baixo custo, utilizando compoñentes comerciais, o sector B, no que participa a Universidade de Vigo, inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada de Humsat, “que inclúe melloras baseadas nos datos en órbita do satélite”, detalla o investigador Fernando Aguado, que lembra que a Agrupación participa tamén na operación e despregue de sensores durante a fase de operación.

PUBLICIDADE