A UVigo e a Área de Emprego promoven entre os estudantes a idea do vídeo-currículo

luns, 17 de xuño do 2013 Redacción

Nestes tempos nos que atopar o lugar axeitado de cadaquén (e como non, atopar tamén o emprego perfecto) é tarefa case imposíbel, UVigoTV e a Área de Emprego deciden botar unha man aos estudantes de último curso da Universidade de Vigo que van á procura do seu futuro. Pensando no contexto actual -rodeado de novas tecnoloxías- e no difícil intre que se está a vivir, ateigado de competencia e coas posibilidades de oferta de emprego reducidas, UVigo TV e a Área de Emprego pensaron nunha nova estratexia de cara a amosar os puntos fortes de cadaquén, de comunicar e de venderse dun xeito diferente, mediante un vídeo-currículo. Con esta ferramenta porase á disposición dos estudantes consellos de consultores, expertos e a experiencia dos profesionais da televisión da Universidade.
Dicir que esta nova proposta nace coincidindo coa remodelación da web de UVigoTV, na que se abren diferentes canles temáticas: a de emprego, a do emprendemento, a dos vídeo-currículos, a dos contidos relativos a Incuvi-Emprende, e outras sobre habilidades e emprego e sobre competencias transversais. Engadir que a actualización tanto estética coma tecnolóxica da páxina permite que os máis de 9000 vídeos educativos e científicos dispoñíbeis no portal se poidan reproducir en todo tipo de dispositivos, empregando linguaxe html5.
Indo ao vídeo-CV, pois unha vez que os estudantes teñan clara a súa idea, o persoal de UVigoTv porá á súa disposición tanto o plató multimedia como as ferramentas tecnolóxicas precisas para a gravación. Serán pezas de 2 ou 3 minutos a través das que o posíbel empregador poderá coñecer a formación e experiencia do candidato, o seu aspecto, a comunicación non verbal, como se expresa, se domina idiomas (recomendándose falar un pouco na lingua en cuestión). Por último, subliñar que esta proposta arrancaba con tres vídeos en aberto, contando arestora a páxina con 13 vídeos, aínda que polo de agora, de acceso restrinxido.

PUBLICIDADE