A UVigo e Telefónica exploran novos vieiros de colaboración
mércores, 28 de abril do 2021
Este
28 de abril o
reitor da Universidade, Manuel Reigosa, mantivo unha xuntanza co novo
director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Ángel
Alonso, e coa nova directora da compañía en Galicia e Portugal,
Paula Rodríguez Beirán. Reigosa recibiunos como representantes
dunha das principais compoñías de telecomunicacións do mundo e,
tamén, como antigos estudantes da Universidade de Vigo, en concreto
da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
O
obxectivo desta xuntanza foi manter unha primeira toma de contacto e
presentarse dende que foron nomeados a mediados deste mes de abril.
Tamén se sentaron os alicerces para novas colaboracións que engadir
á Cátedra Telefónica da UVigo.
O
novo responsábel de Telefónica para o norte de España explicou que
dende a compañía están especialmente “preocupados pola falta de
profesionais que hai en Galicia e en España, e mesmo en Europa, para
acompañar a transformación da industria e da economía en xeral”.
Para abordar este reto, tanto o responsábel de Telefónica na nosa
terra como o reitor amosáronse abertos a explorar novas vías de
colaboración máis aló das que xa unen a ambas institucións dende
hai anos, como por exemplo a Cátedra Telefónica.
Manuel
Reigosa, en nome da Universidade, agradeceulles a visita e destacou a
importancia que ten para a UVigo a colaboración público-privada, en
especial da man “dunha empresa como Telefónica que é un referente
a nivel nacional e internacional”.
O
reitor expresoulles o seu desexo de “escoitar cousas que nos
poidades propoñer para un futuro, que é xa o presente, no que se
refire a dixitalización”.