A UVigo constata a efectividade de Fire-RS para predicir o comportamento dos lumes

mércores, 8 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo presentou o balance de fitos e achados do proxecto Fire-RS, unha iniciativa para loitar contra os lumes forestais tirando proveito das máis avanzadas tecnoloxías aeroespaciais, robóticas, industriais e dixitais. No informe dado a coñecer polo grupo de investigadores que dan forma a Fire-RS (a Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo) constatouse a total efectividade da tecnoloxía para mapear e predicir o comportamento dos incendios, poñendo en xogo recursos que combinan sensores infravermellos, o cubesat Lume-1, drons e un software de modelado.
Fire-RS (WildFire Satellite and UAV Remote Sensing System), como lembraremos, púxose en marcha en 2016 do ano pasado, coordinado pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo e coa participación da Universidade de Porto e do Centro Nacional para a Investigación Científica de Toulouse. O seu impulso responde á necesidade de buscar novas maneiras de enfocar a loita contra os incendios, agravados polo cambio climático e a proliferación de especies pirófitas como o eucalipto, procurando minimizar os seus efectos sobre a poboación e o medio ambiente.
Financiado polo programa europeo Interreg cun orzamento de 2,1 millóns de euros, fronte aos sistemas actuais que empregan modelos que non son quen de recoller datos de xeito continuo, Fire-RS permite obter datos reais recollidos in situ e de xeito automatizado para avaliar a evolución e propagación real dun lume.
Transcorridos tres anos desde o seu inicio, este mércores o equipo de investigación implicado neste proxecto presentou o balance do seu traballo. Segundo explicou o profesor Fernando Aguado, investigador principal, o proxecto acadou a integración de múltiples tecnoloxías para facilitar a loita contra o lume, “cumprindo así cos obxectivos definidos”, que buscaban acadar predicións exactas da evolución dos incendios, baseadas en datos reais recollidos a pé de campo e de xeito automatizado.
No acto de presentación dos resultados, o reitor, Manuel Reigosa, salientou o potencial dunha iniciativa que xunta aspectos “dos que estamos moi satisfeitos tanto dende a Universidade de Vigo como dende a sociedade galega”, entre eles a aposta pola colaboración tanto internacional como público-privada; o fornecemento de capacidade tecnolóxica cara o tecido industrial; ou a creación de spin-off, coa posta en marcha de Alén Space.
Segundo se explicou, a tecnoloxía do proxecto Fire-RS desenvólvese en tres fases. Na primeira delas, a Universidade de Vigo deseñou e desenvolveu o sistema de detección en terra, integrado por sensores infravermellos e estacións meteorolóxicas; así como do satélite Lume-1, encargado de recoller e reenviar as alarmas xeradas polos vixías en terra. Na segunda fase, o Laboratorio de Análises e Arquitectura de Sistemas de Toulouse simula a evolución do lume e xera un plan de voo efectivo e optimizado para que os avións non tripulados sigan unha traxectoria definida sobre a área do incendio co obxectivo de recoller máis información in situ. Xa na terceira fase do proxecto, o equipo da Universidade de Porto encárgase de despregar varios vehículos non tripulados que sobrevoan a área do incendio, seguindo o plan de voo xerado polo software de Intelixencia Artificial, co obxectivo de recoller os datos necesarios para obter a propagación real do lume.

PUBLICIDADE