A UVigo incrementa esforzos para captar máis alumnado en Telecomunicacións

luns, 18 de setembro do 2023 S. P.

Académicos, estudantes e profesionais do sector de telecomunicacións reflexionaron o pasado venres 15 de setembro en Vigo sobre a situación dunha profesión que está en pleno auxe e cunha moi elevada demanda de profesionais pero con menos vocacións das que serían desexábeis. Fixérono ao coincidir na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo a reunión plenaria da Conferencia de Enxeñaría de Telecomunicación, CODITEL, e o congreso anual do Consejo Estatal de Estudiantes de Telecomunicación, CEET, o que, por primeira vez na historia de ambos encontros, uniu no mesmo lugar os tres actores fundamentais deste sector: estudantes, académicos e colexios profesionais.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, explicou que a institución atópase nunha situación que pode parecer paradoxal, xa que, por unha banda, conta cunha Escola de Enxeñaría de Telecomunicación moi exitosa, chea de referentes femininos e cun centro de investigación propio (o centro atlanTTic), e que, pola contra, padece “tamén eses dous grandes problemas que afectan a día de hoxe a esta profesión: captación global de estudantes e, especialmente, captación de estudantes mulleres”, sinalou engadindo que “nin sequera cubrimos as prazas que ofertamos, cando en realidade tería que haber auténticas pelexas para matricularse aquí e estar captando os mellores currículos”.
En canto ao nesgo de xénero Reigosa indicou que, aínda que parecía que se camiñaba na dirección correcta e que a escola se ía achegando a ter tantas mulleres matriculadas como homes, nos últimos anos produciuse un retroceso, unha diminución da matrícula feminina. “Isto é unha preocupación importante para nós”, recoñeceu Reigosa.
Como posíbeis vías de solución, o reitor puxo sobre a mesa a necesidade de analizar modificacións dos plans de estudos, e insistir máis no carácter social, e non só técnico da profesión.
Por outra banda, alertou de que moitas veces poñamos énfase de máis no aspecto técnico, “e non estamos a ser capaces de facer ver a importancia que as telecomunicacións teñen para os seres humanos, cando en realidade as novas investigadoras e investigadores están traballando en temas de saúde a distancia, de coidados de maiores, de persoas enfermas… pero parece que damos a impresión de que estes profesionais son xente moi técnica”.
No caso da directora da escola, Rebeca Díaz, salientou tamén a necesidade de emprender accións que vaian na liña de incrementar o interese por esta titulación por parte do alumnado preuniversitario, “de maneira que teñan esta opción moi en conta á hora de decidir a que dedicarse ou que estudar”.
Manolo Sierra, presidente de CODITEL, destacou a importancia de que docentes, colexios e estudantes vaian da man, “o mellor xeito de saber cara onde debe camiñar a profesión”, algo que tamén agradeceu o presidente do CEET, Andrés Torres. Desde os colexios profesionais Evaristo Río, en nome do COIT, e Luis Miguel Chapinal, do COITT, lembraron que “detrás de cada chamada de teléfono, detrás de cada ordenador, de cada estudo de televisión… detrás de todo aquilo que se chama telecomunicacións hai persoas, enxeñeiras e enxeñeiros, e iso é o que desde o colexio profesionais tratamos de facerlle ver á sociedade”.
A reunión anual do Consello Estatal de Estudantes de Telecomunicación reuniu a semana pasada na escola viguesa a medio cento de estudantes chegados de 22 universidades de todo o territorio nacional. Ao longo destes cinco días tiveron a posibilidade de debater sobre os diferentes plans de grao que afectan ás telecomunicacións, isto é: grao coa mención en electrónica, grao coa mención en son e imaxe, grao coa mención en sistemas, grao coa mención en telemática e dobre grao.
Dentro da programación do congreso tivo lugar no Museo Verbum Casa das Palabras a feira ExpoTIC, onde empresas do sector das TIC impartiron relatorios ponencias de alto nivel.

PUBLICIDADE