A UVigo amosa un innovador sistema para a gravación e posterior reprodución das clases

mércores, 11 de xuño do 2014 Redacción

A Universidade de Vigo xa dispón dun sistema innovador para o gravación automatizada das clases. O sistema en cuestión, cualificado de “pioneiro” foi desenvolvido pola empresa Teltek, unha iniciativa xerada ao abeiro da Universidade de Vigo. A ferramenta chámase GaliCaster e segundo informa o centro vigués AtlantTIC, é unha solución intelixente que permite combinar nun único rexistro audiovisual gravacións de fluxo duplo, ou sexa cunha pantalla dividida que amosa por unha banda as presentacións e pola ao profesor na tarima e ao carón do encerado. Por certo que o centro AtlantTIC da Universidade de Vigo colaborou no desenvolvemento do módulo GaliTracker.
Este módulo, explican os investigadores, está concibido en boa medida para que as sesións docentes poidan ser vistas de xeito máis doado dende dispositivos móbiles, compensando o feito de teren pantallas máis miúdas. De feito, en tablets e móbiles poderemos ver a presentación do profesor cunha imaxe recortada do mesmo, no canto da imaxe completa sobre a tarima. O proceso de axuste realízase automaticamente mediante tecnoloxía de detección e análise facial e tendo en conta regras cinematográficas.
A iniciativa insírese no marco do proxecto internacional Opencast-Matterhorn. Segundo informa a Universidade de Vigo, a institución académica galega converteuse en membro activo da Comunidade Opencast, unha agrupación destinada a introducir e afianzar novos sistemas e boas prácticas para a xestión de contidos audiovisuais na educación superior. O Proxecto Matterhorn é un proxecto de gravación automatizada de clases, desenvolvido dentro da comunidade Opencast e liderado pola Universidade de California en Berkeley. A Universidade de Vigo é unha das institucións pioneiras no uso desta tecnoloxía con tres aulas equipadas e a participación de 20 profesores, o resultado obtido foi a gravación de 400 clases e máis de 60.000 descargas. O obxectivo principal do proxecto é o de despregar un sistema de gravación automatizada de conferencias e clases para a súa distribución vía Internet “que permita a creación dun repositorio de contidos audiovisuais ligados á docencia universitaria”.

titre documents joints

PUBLICIDADE