A UVigo afonda na obrigatoriedade da impartir docencia virtual
mércores, 8 de abril do 2020
Co
inicio do Estado de Alarma, a Universidade de Vigo puxo en marcha
recursos para garantir a continuidade dos estudos dos seus estudantes
baixo formatos dixitais, acompañándoos das medidas precisas para
asegurar o máximo cumprimento da docencia virtual. Sobre
este último punto, a institución deu a coñecer que se dotou de
ferramentas para detectar e tratar os incumprimentos deste modelo
online. Este tipo de ensino era unha obriga deste o 30 de
marzo, pero a resolución reitoral deste martes incide neste deber
(un deber que abrangue dende o primeiro curso de grao até o
doutoramento), asumido xa polo 90% do profesorado.
Na
disposición, ademais, fíxase o 15 de abril como data límite para o
cumprimento por parte do profesorado dos “requisitos mínimos que
garantan a docencia non presencial”, requirimentos como por exemplo
ter operativa unha aula virtual ao dispor do alumnado; adaptar a
programación docente ás metodoloxías non presenciais; impartir as
materias respectando as datas contempladas no calendario académico
2019-2020 ou impartir integramente, agás en casos excepcionais, os
contidos de cada materia.
“Agora
toca dotarnos de ferramentas para detectar e tratar os incumprimentos
que se detecten. Desde a Reitoría tentaremos contactar con docentes
que non cumpran con esta obriga para coñecer a súa situación, xa
que poden existir situacións de moi diverso tipo, polo que non se
pode formular unha medida xeral”, explica Manuel Ramos, vicerreitor
de Ordenación Académica e Profesorado.
Recursos
tecnolóxicos
Ademais
de reforzar FaiTIC, a ferramenta de docencia virtual coa que a
Universidade de Vigo conta desde hai 16 anos, a UVigo puxo en
funcionamento o Campus Remoto, que ademais de incluír FaiTIC, contén
como gran novidade as aulas virtuais en directo, xemelgos virtuais da
estrutura docente da UVigo, sobre unha plataforma propia baseada en
código aberto Big Blue Button (BBB), “o que está evitar os
problemas de sobrecarga que si están a sufrir as plataformas polas
que optaron outras universidades como Skype, Google, etc...”,
informa a institución viguesa, engadindo que “só no período
comprendido entre o 27 de marzo e o 3 de abril, as aulas virtuais
foron utilizadas por preto de 47.000 estudantes e case 9000
docentes”.