A UVigo achegará ao alumnado un catálogo de salas virtuais en directo

mércores, 18 de marzo do 2020 Redacción

A Universidade de Vigo, ante as circunstancias de restrición e confinamento ás que obriga o estado de alarma do Goberno, reforzou a súa oferta de teledocencia cun catálogo de salas virtuais en directo. Logo dun período de probas levadas a cabo en urxencia polos Servizos Informáticos da UVigo, estes espazos online estarían totalmente operativos a vindeira semana.
A fórmula empregada será a da conexión vía VPN-escritorio remoto ou aplicacións vía web, coa que se conseguirá, en palabras da institución educativa galega, que todos os servizos da UVigo poidan ser atendidos desde casa, “permitindo a continuación do traballo e bo funcionamento da institución, dentro das limitacións impostas por esta situación”. Con estas palabras recoñeceu o vicerreitor de Planificiación e Sostibilidade, José Luis Miguéz, o labor de ducias de persoas que, desde que se decretou o estado de alarma por mor do coronavirus, están a facer posíbel que a institución manteña a súa actividade.
“É un enorme despregue dun sistema de videoconferencia persoal que ten a estrutura da Universidade e dentro da Universidade os centros, e o que estamos a facer é como un clon do mundo físico no mundo online para que os docentes poidan seguir coa súa actividade”, explica José Luis Míguez, que lembra que se comezou a traballar nesta iniciativa hai unhas semanas a proposta da coordinación de Campus Multimedia-UVigoTV, e ao abeiro do denominado Campus Remoto, que centraliza nun único punto as ferramentas de teledocencia da UVigo.
Segundo engadiu, cunha conexión a Internet, un computador, unha tableta e mesmo un teléfono móbil as e os profesores poden, a través destas aulas virtuais en directo, impartir docencia mediante videoconferencia e con funcionalidades adicionais que lles permiten poñer vídeos, compartir pantalla, amosar power-points ou usar encerados virtuais nos que debuxar.
Pola súa banda, o alumnado ten a súa disposición un chat a través do que poden falar co profesorado, que será o que lles comunique a existencia das súas aulas virtuais.
Un traballo de coordinación coas direccións dos centros
Míguez explicou tamén que neste intre xa se xeraron unhas 20 aulas virtuais por cada un dos centros dos tres campus da Universidade de Vigo, ademais de salas de reunións online, ás que o persoal docente da UVigo pode acceder desde o seu domicilio.
Cos equipos decanais das facultades e as direccións das escolas estes días estase a coordinar a posta en funcionamento das aulas virtuais, que nalgúns casos xa se están a probar, confirmando a súa operatividade. De feito, algúns docentes xa realizaron as súas solicitudes respectando os seus horarios de clase presenciais, garantindo así que non haxa coincidencias a esa hora con outros compañeiros.
A Universidade na nube
Usando os recursos dos que a Universidade de Vigo dotouse a través do proxecto de campus dixital de Campus do Mar, e que están situados dentro do CPD da Universidade, Campus Remoto permite unificar nun punto toda a docencia virtual da Universidade de Vigo, sumando a un recurso xa consolidado e moi empregado pola comunidade universitaria como é FaiTIC, as aulas virtuais nas que agora se está a traballar. “En Campus Remoto vive todo en Internet, é unha web e aí hai un elemento consolidado como é FaiTIC, que é unha peza clave, e agora pretendemos facer unhas aulas, que son unha copia do mundo físico, mediante salas virtuais para que o alumnado atope de xeito máis doado ao seu profesorado”, explica Míguez.

PUBLICIDADE