A UVigo, Bahía, 10 METS e Imaxin achegan tecnoloxía para axudar a doentes de COVID persistente

xoves, 1 de decembro do 2022 S. P.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) acolleu este mércores 29 de novembro a presentación do Proxecto Coperia, tal e como avanzamos este mércores dende Código Cero, salientando que se trata dunha iniciativa innovadora baseada na Intelixencia Artificial que busca poñer ao alcance da cidadanía as ferramentas máis punteiras para a abordaxe da COVID persistente, unha doenza que afecta a dúas de cada dez persoas de coronavirus tras unha infección aguda (calcúlase que até 27.000 pacientes en Galicia e máis de 800.000 no territorio estatal). Coperia, nun plano máis concreto, está orientado ao desenvolvemento e validación clínica dunha plataforma multidisciplinar e integral baseada en IA para o diagnóstico, apoderamento, rehabilitación holística e personalizada, así como a xestión clínica de doentes afectados por COVID persistente.
Na presentación da iniciativa, en cuxo desenvolvemento participan varios grupos de investigación da Universidade de Vigo e un consorcio de catro empresas e entidades, participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e máis o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, que sinalaron que as secuelas da “COVID supoñen un desafío ao que temos que facer fronte, e este proxecto servirá de estímulo para seguir avanzando na súa abordaxe”.
Comesaña salientou o esforzo que permitiu dotar a esta iniciativa dun orzamento de máis de 700.000 euros, coa conseguinte implicación da Axencia Galega de Innovación, co co-financiamento do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, no eixo REACT-UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID.
Segundo o conselleiro, Coperia promove o apoderamento dos pacientes “a través de ferramentas que lles resulten útiles no seu día a día”. Entre estes recursos destaca o uso de xogos para o móbil que maximizan o seu adestramento, no tocante á rehabilitación cognitiva.
Tamén salienta un sistema innovador que contribúe á monitoraxe en remoto, de cara á rehabilitación física, evitando desprazamentos ao centro hospitalario. O proxecto ten entre outras capacidades a de aprender aos usuarios a reportar un evento de fatiga para traballar na predición do limiar de exercicio que pode producirlles o episodio.
Consorcio empresarial
O consorcio do proxecto está formado por Bahía Software, 10 METS, Imaxin Software, a Fundación Biomédica Galicia Sur e, por parte da Universidade de Vigo, o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM), do Campus de Vigo, e o Laboratorio de Informática Aplicada (LIA2), do Campus de Ourense, liderando esta participación académica Carmen García Mateo, Laura Docío e Xosé Antón Vila.
As pemes e organismos de investigación implicados en Coperia, cuxo investigador principal é o doutor Alejando García, traballan para desenvolver unha plataforma que permita o cribado de pacientes con COVID persistente; axudar aos pacientes a anticipar gromos de síntomas incapacitantes; potenciar e desenvolver novas ferramentas de rehabilitación personalizadas, e facilitar a xestión diaria dos pacientes por parte das e dos profesionais. O proxecto foi presentado a nivel de servizos centrais do SERGAS e desenvolvido en colaboración cos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde xa está en marcha o recrutamento de pacientes.
A nivel tecnolóxico, Coperia combina varias tecnoloxías prioritarias para o desenvolvemento de Galicia asociadas ao sector TIC e biotecnolóxico. Así, recóllese no proxecto, “impúlsase un enfoque multidisciplinar e innovador, no que se traballará con pacientes reais para combinar datos proteómicos, datos de voz, datos de factores cardíacos, condutividade cutánea e avaliación cognitiva. Nesta iniciativa, a I+D céntrase en modelos de algoritmos de aprendizaxe automática e modelos probabilísticos de pequenos conxuntos de datos. Debido á complexidade dos datos, as técnicas de IA tamén serán necesarias para predicir, recomendar e axudar aos pacientes”.

PUBLICIDADE