A USC traballa na creación dun programa de ensino superior sobre Blockchain

mércores, 15 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

Unha das sesións do proxecto internacional interuniversitario para impulsar a docencia en cadea de bloques

En tempos de urxencia sanitaria a nosa comunidade investigadora e innovadora prosegue co seu importante labor de facer avanzar o progreso tecnolóxico. A Universidade de Santiago é un exemplo disto. Unha das frontes activas nas que traballa a día de hoxe está estreitamente relacionada coa seguridade para as novas contornas económicas, financeiras e produtivas que nos agardan, cada vez máis envorcadas nos ámbitos tecnolóxicos. Estamos a falar do proxecto europeo DLT4All, que se dirixe a crear un programa de ensino superior en materia de cadea de bloques: a tecnoloxía Blockchain. Trátase, sinala a USC, de desenvolver “un programa académico que se adapte ás necesidades do mercado”.
Para poñernos en situación, os integrantes do equipo compostelán que traballo na iniciativa internacional DLT4All lembran que as tecnoloxías Blockchain son recursos en clara proxección, que están a gañar importancia en diferentes sectores para garantir a protección de datos e a confidencialidade e seguridade dos procesos en diferentes sectores como o bancario, educativo, sanitario, etc.
A cadea de bloques, para quen non o saiba, son libros de contabilidade electrónicos para seren compartidos abertamente por moreas de usuarios e que gravan todas as transaccións que se apuntan neles e sen que haxa xeito de modificalas, polo que se poñen en xogo importantes factores de seguridade e protección. Amais, a tecnoloxía Blockchain está na orixe e no impulso das moedas virtuais.
O devandito proxecto europeo está sendo xestionado polo Servizo de Relacións Exteriores, liderado por Manuel Fernández Grela, profesor titular do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
Os seus obxectivos específicos son os seguintes:
· Crear un programa de ensino superior baseado no Blockchain que posibilite impartir formación de alta calidade neste eido concreto tanto na USC como noutras universidades europeas.
· Dar resposta ás necesidades do mercado e facer converxer disciplinas de diferentes titulacións como matemáticas, informáticas e economía.
· Involucrar aos beneficiarios potenciais do programa nun proceso de co-creación do seu deseño, elaborado tanto dende a Universidade como dende o mundo no que se manexan estas tecnoloxías, para que o produto educativo final se axuste á demanda e necesidades dos emprendedores e investidores.
· Achegar novas formas de ofrecer formación de alta calidade no campo das tecnoloxías Blockchain e DLT construíndo un conxunto de casos de estudio que fagan factíbel transmitir os conceptos dunha forma efectiva no contexto dun módulo de aprendizaxe. Segundo informa o Servizo de Relacións Exteriores da USC, “na actualidade moitas universidades europeas están interesadas na tecnoloxía Blockchain, pero os seus programas carecen dun número suficiente de casos reais para realizar unha análise”.
Estado actual do proxecto
O proxecto arrancou coa celebración de oito Blockchain Labs en xuño de 2019 nos 5 países socios do proxecto (Bélxica, Chipre, España, Grecia e Italia) nos que participaron profesionais de perfís diversos como investigadores, emprendedores, investidores, xestores de incubadoras de empresas e estudantes. Respecto do desenvolvemento futuro do programa, realizarase un test piloto con dúas vertentes: un módulo de 40 horas para o mundo académico e máis un módulo de 20 horas dirixido ao mundo empresarial. Logo levaranse a cabo grupos de discusión con diferentes públicos obxectivo.

PUBLICIDADE