A USC terá representación dupla na final do Campus Innovation Award

martes, 27 de marzo do 2012 Raquel Noya

Imaxe da pasada edición do evento

Máis de 1.500 profesionais procedentes de vinte países e representantes dun cento de start-ups de toda Europa xuntáronse hoxe na localidade francesa de Reims, onde se está a celebrar unha nova edición do European Forum for Innovative Starts-ups (Innovact), un evento que serve de punto de encontro anual entre emprendedores e redes europeas implicadas no desenvolvemento de novos proxectos empresariais, e que facilita o contacto entre ámbolos dous sectores.
Ata alí tamén se achegaron dous investigadores da USC, que cos seus proxectos representarán á Universidade na final do Campus Innovation Award, un concurso que se celebra no marco deste foro da innovación.
Falamos de Ana Isabel Gómez, doutoranda do grupo de Microóptica e Óptica GRIN da USC, que presentou a concurso un novo sistema conformador de feixe que converte o feixe láser non uniforme noutro cunha distribución de intensidade uniforme ou de “chistera”.
O outro representante galego, Manuel Gómez, presentou, pola súa banda, un sistema de posicionamento 3D en tempo real sobre estruturas óseas para cirurxía dental, aínda que extensible a outros procedementos cirúrxicos.
Segundo explicou Gómez para o xornal da USC, esta ferramenta dota ao instrumental cirúrxico dun posicionar 3D en tempo real “que permite ao profesional identificar a posición precisa do instrumental en cada momento, evitando deste xeito danos en tecidos sensibles sobre os que inicialmente non hai que intervir”. Inicialmente, o dispositivo dirixirase á cirurxía dental, aínda que Manuel Gómez considera que “será aplicable a outros tipos de cirurxía, especialmente para endoscopias, e a outros campos onde teoricamente hai que intervir a cegas”.
Esta proposta xa resultou premiada en 2010 no Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC, e con ela Gómez pretende facerse tamén co I premio neste certame de innovación internacional, que lle outorga 5.000 euros ao proxecto gañador e 1.500 euros aos 2º e 3º clasificados.

PUBLICIDADE