A USC sorteará viaxes e equipos informáticos entre os estudantes que se matriculen vía Internet

luns, 30 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago vén de presentar os detalles sobre a matrícula para os vindeiros cursos das súas titulacións e fíxoo facendo fincapé nos prazos para a inscrición presencial e para a inscrición vía Internet. Estes e outros detalles da oferta docente, dados a coñecer esta mañá polo reitor Senén Barro no Colexio de Fonseca, constitúen en boa medida unha continuación dos programas de anos anteriores e, tamén, unha mellora (segundo sinalou a USC). Deste xeito, e ao igual que nos cursos previos, os estudantes de primeiro ano poderán formalizar a matrícula (a partir do 7 de xullo para as carreiras sen límite de praza e partir do 21 para as limitadas) de modo presencial nas Unidades de Xestión Académica que lle correspondan en función da titulación elixida, por correo certificado postal ou por Internet na páxina www.usc.es/matricula.
Polo que respecta ó emprego das novas tecnoloxías con este fin, sinalar que a Universidade ten proxectadas unha serie de medidas para incentivalo e normalizalo, entre os que se contan unha serie de premios.
Deste xeito, todas e todos os que usen Internet para formalizar este proceso participarán en sorteos de ordenadores portátiles, viaxes por Europa, teléfonos móbiles de última xeración, billetes Interrail, billetes de avión e incluso devolucións de taxas de matrícula ata un máximo de 600 euros por estudante. Esta iniciativa, como dixemos, responde ao interese da Universidade por afianzar o emprego das novas ferramentas da información na comunidade estudantil, contribuíndo á axilidade nos trámites, a achega dos mozos e mozas á Sociedade do Coñecemento (menos fenda dixital) e, en última instancia, ao aforro de papel e ao desenvolvemento sostible. Amais de todo o devandito e con vistas ao curso que vén, sinalar que as alumnas e alumnos terán tres aulas informáticas á súa disposición para realizar a súa matrícula, dúas en Santiago, na biblioteca Concepción Arenal e na Facultade de Filoloxía, e unha en Lugo no edificio Biblioteca Intercentros.
No que atinxe ás cifras sobre uso das TIC para levar a cabo a matrícula, a USC achegou unha serie de cifras durante a mañá de hoxe: ao longo do curso que agora remata chegouse a unha porcentaxe de estudantes que elixiron estas canles dixitais para inscribirse do 60%. Para este curso que comeza, sinala a institución educativa, este medio –a Rede- será o que se utilice de xeito universal, agás para os que inicien estudos que poderán elixir entre facer a matrícula presencial, remitila por correo ou facela a través de Internet.

PUBLICIDADE