A USC, referente a nivel mundial en difusión científica a través do modelado 3D

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Redacción

O campionato científico escolar D3Mobile Metrology World League 2017, do que falamos hai pouco dende Código Cero con motivo da presentación en Lugo da súa máis recente convocatoria (a deste ano entrante), está a servir non só para potenciar vocacións tecnolóxico-dixitais entre a nosa mocidade (e a mocidade internacional) senón tamén para visualizar perante o mundo o importante traballo dos investigadores do Campus de Lugo e, por enteiro, da Universidade de Santiago. Segundo vén de informar a USC, a institución académica foi quen de converterse, grazas ao dito certame, na primeira universidade que aposta polo modelado 3D como vía para difundir e dar a coñecer o labor científico que desenvolven os seus grupos.
Como lembraremos, o campionato é unha iniciativa baseada no emprego dos móbiles e as tabletas como ferramentas de deseño avanzado en tres dimensións. A liga vén da man do grupo USCAN3D da USC, Campus de Lugo, que como dixemos abriu recentemente a súa quinta edición.
O certame foi concibido, en palabras dos organizadores, como “unha experiencia educativa en liña que persigue a estimulación do que se coñece como competencias STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) entre o alumnado de 12 a 18 anos”. Esta vontade de salientar a comunicación investigadora materializouse coa presente edición, a de 2017, na posta en marcha dun galardón específico destinado a difundir “os resultados de investigación dun científico, centro ou equipo de investigación da USC, así como na implantación dun premio semellante orientado á divulgación da ciencia no contexto español”. A idea, a maiores, é impulsar a transferencia de coñecemento de xeito colaborativo entre a universidade compostelá e os estudantes e docentes que participan neste campionato internacional.
Segundo engade a USC, as persoas interesadas en participar na quinta edición de D3Mobile poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 14 de marzo de 2017 na web deste campionato, d3mobile.es, onde tamén poderán atopar cumprida información sobre os requirimentos establecidos, prazos e galardóns establecidos para os distintos equipos gañadores.

PUBLICIDADE