A USC recoñecerá proxectos de alicerce tecnolóxico liderados por mulleres
venres, 3 de agosto do 2018
A
Universidade de Santiago e o Instituto da Muller queren impulsar o
emprendemento feminino. De
aí xorde o concurso Innovatia 8.3, que se dirixe a visualizar e
recoñecer as mellores iniciativas de alicerce tecnolóxico
impulsadas por investigadoras e/ou emprendededoras. Ao certame
poderán concorrer iniciativas empresariais ou empresas con presenza
maioritaria de mulleres nos seus consellos de dirección ou de
administración e que teñan contado co apoio de universidades
españolas. O prazo de presentación de propostas fica aberto até 10
de setembro. O concurso científico-tecnolóxico está co-financiado
polo Fondo Social Europeo.
Entre
os seus obxectivos concretos figura o de crear “un modelo de
intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de
transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas
de base tecnolóxica na contorna universitaria”. O certame vén con
dúas categorías, por unha banda a de iniciativas empresariais de
alicerce tecnolóxico (dotada de 10.000 euros de premio en metálico
e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional
referente no sector), e pola outra e a de iniciativa empresarial
startup (premiada con 7.000 euros e asesoramento
personalizado durante tres meses por unha profesional referente no
sector).
Os
proxectos serán valorados por un comité composto por persoal
experto e independente e integrado por cinco persoas: dúas
procedentes de sociedades de capital risco que xestionen fondos para
transferencia de tecnoloxía; outras dúas procedentes de redes OTRI
e unha persoa que represente asociacións empresariais ou directivas
a nivel nacional. Este comité avaliará factores como a viabilidade
económica e financeira dos proxectos; así como o grao de innovación
do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou
proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor; e ter en
consideración políticas de igualdade.