A USC presenta o novo corpus dixital aberto dun proxecto internacional de léxico galego-portugués

venres, 21 de febreiro do 2014 Redacción

De esquerda a dereita, Xulio Sousa, Francisco González, Rosario Álvarez e Ernesto González. Foto: Servimav-USC

A Universidade de Santiago presentou esta semana unha nova iniciativa de coñecemento sen barreiras que engadir á súa estratexia cada vez máis firme no eido do polo open access (estratexia que deu hai pouco un importante froito na universalización do seu repositorio Mineva). Falamos do novo corpus dixital aberto do proxecto internacional Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, unha iniciativa dende a que se traballa dende hai anos para o rexistro e integración, nun único banco de datos en liña, “dun amplo número de repertorios léxicos galegos, portugueses e brasileiros”. Repertorios que inclúen referencias xeográficas concretas das voces que acubillan.
Na presentación do miolo e alcance do proxecto (un acto celebrado este xoves 20), participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, a coordinadora do proxecto, Rosario Álvarez Blanco, o director do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), Ernesto González Seoane, e o coordinador do Comité galego do equipo, Xulio Sousa Fernández. Como fixeron saber, o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués é un acubillo de coñecemento léxico que permite “o acceso rápido e cómodo” á información contida en traballos de léxico dialectal das devanditas linguas irmás. Para darlle forma, os investigadores do ILG xuntaron forzas con equipos de varias universidades de Brasil e Portugal.
No acto fíxose saber tamén que as procuras na dita base de datos efectúanse a partir de formas léxicas (variantes ou lemas), da localización (Galicia, Portugal e Brasil) ou do campo semántico co que se asocian. “En conxunto”, fíxose saber, “o Tesouro contribúe ao estudo do patrimonio tradicional dos respectivos países, tanto na súa vertente material como na inmaterial, realizando deste xeito unha importante contribución os estudos etnográficos”.
Respecto ao traballo despregado polos investigadores, dicir que se centrou en xuntar fontes que xa estaban previamente dispoñíbeis, aínda que espalladas ou en risco de esmorecemento. Foron sobre todo traballos académicos, artigos ou monografías, recursos en Internet de expertos ou seareiros das ditas cuestións lingüísticas. O ILG recadou este material e entre outras cousas incluíu a localización xeográfica e a autoría. O resultado de todas estas tarefas está aberto para o seu emprego e aproveitamento “por un amplo abano de destinatarios”, fixo saber a USC, “dende o persoal investigador dos ámbitos da fonética, a lexicografía ou a etimoloxía, ata investigadores/as da etnografía, a antropoloxía ou a historia, ademais de para ensinantes de todos os niveis, profesionais ou público en xeral”.
A achega deste corpus dixital en modo aberto e de balde pon de manifesto, en palabras do director do ILG Ernesto González, “a aposta deste Instituto por facer accesibles os recursos de investigación froito das distintas liñas de traballo do ILG”. E engadiu: “Como institución sustentada con recursos públicos consideramos unha obriga devolver á sociedade os resultados das investigacións acadadas con estes recursos”.

PUBLICIDADE