A USC pon en marcha unha plataforma para mellorar a empregabilidade do alumnado

mércores, 7 de outubro do 2020 S. P.

A USC, a través da Área de Orientación Laboral e Emprego, impulsou unha iniciativa tecnolóxica para crear pontes firmes de colaboración (e empregabilidade) entre as empresas demandantes de talento universitario e a comunidade de licenciadas e licenciados. Trátase da plataforma de emprego Career Center da USC, un servizo que en palabras da Universidade de Santiago “vai permitir ás empresas e organizacións publicar e difundir as súas ofertas de traballo dun xeito rápido e gratuíto, facer seguimento das mesmas e ver os/as candidatos/as que se postulan, favorecendo así a súa visibilidade entre os usuarios/as da comunidade universitaria”.
Así, a plataforma achega aos estudantes e egresados/as da USC acceso rápido a contidos sobre ofertas de traballo e prácticas, actividades formativas e outros recursos relacionados coa mellora da súa empregabilidade e o acceso ao mundo laboral. “A través desta plataforma”, explica a devandita Oficina de Orientación Laboral, “preténdese facilitar e axilizar o sistema de difusión e presentación de ofertas de emprego, así como o modo no que o alumnado interesado pode postularse como candidatos/as”.

PUBLICIDADE