A USC pon a disposición da súa comunidade educativa un tradutor en liña galego-español-inglés

mércores, 6 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O sistema aberto Opentrad, desenvolvido pola empresa galega Imaxin sobre a base da ferramenta de tradución automática Apertium (da Universidade de Vigo e de Alacant), segue a darnos ledicias aos usuarios de novas tecnoloxías que, no noso día a día, vémonos obrigados a recibir e achegar comunicacións en varias linguas, incluída, por suposto, a nosa. Desta volta, a alegría é para as persoas que traballen no contorno da Universidade de Santiago, xa que a institución educativa puxo ao seu dispor o acceso a un tradutor en liña galego-español-inglés personalizado e desenvolvido sobre o alicerce de Opentrad.
Por certo que o novo recurso da USC é quen de adaptar ás devanditas linguas, de xeito correcto, terminoloxía específica do ámbito académico, como por exemplo os nomes de servizos e unidades, centros, facultades ou departamentos universitarios. Recordar que estas e outras vantaxes, con todo, non nos van ceibar da obriga de facer un repaso final e persoal do texto traducido, tal e como fariamos cun artigo adaptado a outra lingua de xeito manual. Volvendo á ferramenta presentada pola USC, engadir que ofrece outros pares de linguas, galego-inglés, inglés-galego, español-inglés, inglés-español, “e algunhas outras que se encontran en distintos niveis de desenvolvemento”, sinalan fontes da institución compostelá.
Entre os servizos extra que pon á nosa disposición atópase a adaptación de anacos de texto ás devanditas linguas de xeito inmediato. Asemade, tamén é quen de manter os formatos orixinais dos documentos que acheguemos e, igualmente, ten potencial de traducir páxinas web con só facerlle chegar a URL de seu. Para acceder a este novo servizo (por medio de tradutor.usc.es) é preciso que nos identifiquemos como membros da comunidade universitaria. Lembrar que o tradutor foi adquirido polas universidades galegas a través do Consorcio para o Desenvolvemento de Sistemas para a Xestión Universitaria (CIXUG) e adaptada á USC coa colaboración do seu Servizo de Normalización Lingüística e da Área TIC.

PUBLICIDADE