A USC participa nas xornadas sobre libros electrónicos da Unión de Editoriais Universitarias

xoves, 6 de xuño do 2013 Redacción

O director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés, achegará a súa visión sobre a publicación dixital nestes encontros

A Universidade de Santiago está a participar directamente na celebración das terceiras Xornadas sobre libro electrónico que organizan en Madrid, até mañá, a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) e máis o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Máis polo miúdo, a achega da USC vén da man do seu director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés, que participa como relator fornecendo a súa visión sobre até onde poden chegar as bibliotecas e editoriais no contexto dixital. Nesta intervención, máis polo miúdo, proporcionará elementos para a reflexión e o debate acerca de como se teñen modificado no actual escenario dixital as responsabilidades e límites operativos que dende antigo correspondían nas universidades aos administradores de contidos (bibliotecas) e aos produtores de contidos (editores).
Juan Blanco, informa a USC, reflexionará sobre como “algúns desenvolvemento tecnolóxicos (OJS, OMP) conducen, incluso, a esvaecer estes límites, ao substituír ao produtor de contidos como administrador dos mesmos”. Por outra banda, na opinión do director de Publicación da USC, “o contexto actual salienta a necesidade de canalizar o intercambio universitario de libros dixitais, como forma de asegurar a súa presenza nas bibliotecas universitarias, a través de solucións tecnolóxicas compartidas e axeitadas”.
Ao carón do representante da USC, a directora da Biblioteca da Universidade de Complutense, Manuela Palafox Parejo, explicará a transición ao libro electrónico nas bibliotecas universitarias e, finalmente, Ángel Redero Hernández, de Ediciones Universidade de Salamanca, exporá o caso de EUSAL na Plataforma Cielo, desvelando as vantaxes e problemas desta experiencia.

PUBLICIDADE