A USC organiza un curso en liña sobre financiamento de empresas de base tecnolóxica

mércores, 12 de xuño do 2013 Redacción

A Universidade de Santiago está a apostar por canles innovadoras para contidos innovadores. Un exemplo disto é o seu curso Financiamento de Empresas de Base Tecnolóxica, unha actividade formativa con xanelas ao futuro do noso tecido produtivo que se sustenta sobre un dos grandes alicerces dese futuro: as redes. O curso en liña vai dirixido a quen teña en mente un proxecto tecnolóxico de vangarda (novos empresarios ou a piques de selo), persoal técnico que realice asesoramento nas Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación, así como a todas aquelas persoas “que vexan nestas empresas unha ferramenta de axuda para desenvolver o seu negocio”, informa a USC.
O curso ten unha carga lectiva de 40 horas e virá da man de David Calvo Mallón, formado no eido da banca e as finanzas e con experiencia profesional na xestión empresarial destes e outros sectores, máis polo miúdo como analista de investimentos e con experiencia directiva nunha compañía de telecomunicacións. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o próximo 18 de xuño. Poden atopar máis información na web de Uniemprende ou solicitala a través do correo electrónico uniemprende@usc.es e do teléfono 881 815 563.
Esta acción formativa, informa a USC, analizará as características e problemáticas das empresas de base tecnolóxica nas súas fases iniciais, “ademais de introducirse nos contidos principais dun plan de empresa e o seu enfoque como ferramenta para a obtención de financiamento e amosar as distintas alternativas de financiamento existente con especial atención ao capital risco, características e mecanismos de actuación”.

PUBLICIDADE